Os Bolechas axúdannos a empatizar coa realidade dos nenos con diabetes a través do novo libro-guía ‘Manuela é nova na escola’

8
  • Trátase da segunda publicación deste tipo impulsada polo colectivo Anedia en colaboración co Concello de Pontevedra, despois de que en 2019 vise a luz ‘Os Bolechas saben o que é a diabetes’
  • O concelleiro de Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, cualifícao como “unha obra fundamental para que a comunidade educativa empatice cos problemas que se atopan os rapaces diabéticos”

Manuela cambia de colexio e a súa nova mestra non sabe nada de diabetes, pensa que non pode xogar no recreo co resto de compañeiros, facer deporte con normalidade ou ir de excursión, e non a deixa beber ou comer na aula a pesar de que lle resulta absolutamente necesario porque ten a glucosa baixa. Estes son algúns dos moitos problemas coas que se atopan a miúdo os nenos e nenas con diabetes e que centran o contido dun novo libro-guía protagonizado polas emblemáticas personaxes de Os Bolechas e titulado ‘Manuela é nova na escola. Medrando con diabetes’.

Trátase da segunda publicación deste tipo impulsada pola Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes (Anedia), despois de que no ano 2019 vise a luz ‘Os Bolechas saben o que é a diabetes’, que aborda o ‘debut diabético’ e que lles explica aos máis pequenos que deben comer san, contar racións de hidratos, inxectar insulina e facer deporte para lograr que esta doenza non os pare. O libro-guía, cuxa difusión conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto que contou coa presenza do tenente de alcalde, Tino Fernández, concelleiro de Educación e de Actividade Física e Saúde; Iria González e Carolina Blanco, voceiras de Xente Nova de Anedia, e Charo Lafuente, representante de Anedia en Pontevedra.

Segundo asegurou Fernández, ‘Manuela é nova na escola’ supón unha obra “fundamental para que profesores, alumnado e toda a comunidade educativa empaticen coas dificultades que se atopan no seu día a día nos centros escolares os rapaces diabéticos”. “Faino ademais dun xeito moi didáctico, directo e sinxelo de comprender, a través desas personaxes tan simpáticas que xa forman parte do noso acervo cultural, que son Os Bolechas”, sinalou o edil do PSOE.

Tal e como indicou a representante de Anedia en Pontevedra, o libro pretende “dar a coñecer os problemas que teñen que afrontar habitualmente os rapaces con diabetes, achegando esta enfermidade a mestres e compañeiros para que se informen e exista unha maior inclusión dos nenos afectados”. Charo Lafuente describiu a publicación como “unha ferramenta para que os máis pequenos se empoderen y normalicen a súa nova vida cunha patoloxía que é crónica”.

‘Manuela é nova na escola’ narra as vivencias de Manuela, a nova compañeira de escola de Os Bolechas. Ao decatarse de que ten diabetes, a súa mestra asústase bastante e pensa que a nena non vai poder facer moitas cousas, pero a propia Manuela ensínalles a todos que as persoas que teñen diabetes só deben estar atentas á glucosa para manter os niveis de insulina baixo control e que poden facer de todo, como calquera outra persoa.

Distribuiranse entre os centros educativos de Pontevedra

Charo Lafuente precisou que este libro-guía céntrase na diabetes tipo 1, “que ten pouco que ver coa tipo 2, que asociamos á xente maior e con problemas de sobrepeso”, coa finalidade de achegala a mestres e compañeiros de aula e de que se coñeza unha realidade que “cae como unha lousa nas familias” e que obriga a “pesar alimentos, contar hidratos de carbono, medir cantidades de insulina rápida e lenta a inxectar e controlar a glucosa en sangue nas comidas, antes e despois de facer deporte, antes dos exames, antes de durmir… Non hai vacacións nin descanso sen pensar na diabetes”. A representante de Anedia precisou que, con ese obxectivo de normalizar no colexio a vida duns nenos “que poden facer absolutamente de todo”, a Concellería de Educación distribuirá exemplares de ‘Manuela é nova na escola’ entre os centros educativos de Pontevedra para que dispoñan deles nas súas aulas e bibliotecas, ao tempo que o propio colectivo lle entregará tamén dous libros a cada neno asociado (un para presentalo con eles na aula e darllo aos seus mestres e outro para as bibliotecas).

Lafuente indicou que Anedia conta cuns 300 socios en toda Galicia e que nestes momentos hai uns 1.000 menores de 18 anos con diabetes na nosa Comunidade, producíndose entre 6 e 8 casos anuais de ‘debut diabético’ en cada provincia galega. Non obstante, matizou que “os máis pequenos soen levar a diabetes mellor que os adultos, xa que non coñecen outra vida e adáptanse a todo: saben que teñen que inxectar insulina, controlar os alimentos e que non poden comer doces tódolos días, algo que tampouco é bo para un que non é diabético”. “Cando o que debuta é un adolescente -afirmou- é máis complicado, posto que aparecen vergoñas como ter que merendar ás seis da tarde ou que os vexan pincharse”.

Tino Fernández comprobou durante a rolda de prensa a complexidade de manter un globo botando na súa man entre a cintura e a cabeza, un xeito moi gráfico para visualizar as dificultades ás que os rapaces se teñen que enfrontar cada día para manter os rangos de equilibrio coa súa glucosa. Charo Lafuente avanzou que, entre os obxectivos de Anedia para 2022 e 2023, contémplase “acadar atención psicolóxica para adolescentes e nenos con diabetes e para as súas familias”.