Benestar Animal alcanza o centenar de gatos esterilizados nos primeiros catro meses de 2021

45
  • O plan de Captura, Esterilización e Solta (CES) desenvolvido para o control das colonias felinas de Pontevedra contemplou algunha cirurxía e cura de feridas e fracturas, así como desparasitacións
  • Entre as áreas de intervención inclúense a avenida de Lugo, A Parda, Campolongo, San Blas, Lérez, Mourente, Campañó, Marcón, Estribela, A Canicouva ou o contorno do Pavillón Municipal

O plan de Captura, Esterilización e Solta (CES) impulsado pola Concellería Benestar Animal para o control das colonias felinas de Pontevedra logrou esterilizar nestes primeiros catro meses de 2021 un centenar de gatos, 60 femias e 40 machos, destinando 8.470 euros a esta finalidade. As cifras do programa superan incluso ás rexistradas en 2020 a estas alturas de maio, nun ano que rematou con 181 esterilizacións (ata o confinamento leváranse a cabo 76 e, desde outubro, outras 105).

Segundo explica o concelleiro socialista Marcos Rey, as accións do plan CES compleméntanse coa recollida de animais, “desde un can que sufriu un atropelo ou un abandono ata un gato ferido”, incluíndo a cobertura da súa desparasitación e as intervencións sanitarias necesarias. Así, entre as recollidas efectuadas neste comezo de 2021 cóntanse unha cadela atropelada en Cabanas (Salcedo) cunha fractura nunha extremidade, un pastor do Cáucaso con comportamento agresivo metido nunha finca particular en Frieiro (Santa María de Xeve) ou un cachorro abandonado sen chip nas inmediacións da Casa do Mar. Tamén algúns gatos foron obxecto de atencións por estado de xestación, curas por feridas froito de pelexas ou pola fractura da base da cola e mesmo de cirurxías (de hernia abdominal, por exemplo).

O concelleiro de Benestar Animal precisa que os animais esterilizados e desparasitados dentro deste plan de control de colonias felinas se atopaban en puntos urbanos como os barrios de Campolongo e A Parda, o Pavillón Municipal dos Deportes ou a avenida de Lugo (no contorno do Lidl) e en ámbitos rurais de Salcedo (San Blas), Lérez, Mourente, Campañó, A Canicouva, Mourente, Estribela ou Marcón.

Rey subliñou a importancia de que o Concello desenvolva unha política de benestar animal que teña no punto de mira o crecemento incontrolado das colonias felinas e a salvagarda da saúde e a dignidade dos animais, “pero tamén, e especialmente, na educación e o civismo dos propietarios de gatos e cans”. Neste sentido, avanzou a súa intención de poñer en marcha unha campaña de concienciación sobre a recollida de deposicións e lembrou que os responsables dos animais “tamén teñen a obriga de diluír con auga a urina das súas mascotas”. 

“Se non vemos normal que unha persoa faga as súas necesidades no portal dunha casa ou no medio da beirarrúa tampouco podemos normalizar que o faga un can. Xa hai moita xente que leva a súa bolsiña para as cacas, pero aínda queda moito camiño por percorrer en canto a conciencia cívica e respecto polos demais, incluídos os propios animais”, asegurou o edil do PSOE.