O proxecto universitario ‘As Aventuras de Luli’ fomenta a actividade física perdida a causa da pandemia entre os nenos de 0 a 6 anos

190
  • A proposta impulsada por un grupo de alumnos do Grao en Mestre/a de Educación Infantil da USC traducirase nunha serie de 14 vídeos difundidos semanalmente a través das redes sociais
  • O tenente de alcalde, Tino Fernández, asegura que o material será posto a disposición de centros escolares de Pontevedra, ao resultar “moi útil para loitar contra a lacra do sedentarismo”

Recuperar a actividade física que se foi perdendo a causa da pandemia, ao tempo que se coñecen espazos da nosa contorna, é o principal obxectivo do proxecto ‘As Aventuras de Luli’, impulsado por un grupo de alumnas e alumnos da materia Didáctica da Expresión e Comunicación Corporal do Grao en Mestre/a de Educación Infantil da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e dirixido especialmente aos nenos de 0 a 6 anos. A iniciativa, que conta co respaldo das concellerías de Educación e de Deportes, Actividade Física e Saúde do Concello de Pontevedra, traducirase na difusión dunha serie de 14 vídeos, subidos semanalmente ás redes sociais, nas que os rapaces deberán axudar a unha mascota chamada Luli as superar as probas que se propoñen en cada localización dun mapa máxico e, deste xeito, obter unha chapa ou insignia en cada lugar no que superen o reto e converterse nos mellores ‘scouts’ xunto a Luli.

O proxecto foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron o tenente de alcalde, Tino Fernández, e as alumnas do grupo de difusión-comunicación de ‘As Aventuras de Luli’ Roselly Camelo, Luján Campos, María Cándido, Nerea Couceiro e Pablo Gayo. Segundo explicaron os alumnos da USC, trátase dunha proposta enmarcada na metodoloxía educativa ApS (Aprendizaxe-Servizo), consistente en traballar e aprender os contidos da materia á vez que se presta un servizo á comunidade.

Tino Fernández subliñou que esta iniciativa “está orientada a aquelas familias e centros que queiran desfrutar dun tempo de xogo ao aire libre con nenos e nenas de entre 0 e 6 anos, é dicir, na etapa de Educación Infantil”, polo que o material será posto a disposición dos centros escolares de Pontevedra “xa que se trata dunha ferramenta de gran utilidade para combater a lacra do sedentarismo nestes complicados tempos de Covid”. “A finalidade do proxecto -indicou o edil socialista- é promover que este colectivo se desenvolva en aspectos relacionados coa expresión e comunicación corporal, así como propiciar que saian ao exterior para recuperar esa actividade que se foi perdendo por mor da pandemia e, en consecuencia, evitar o sedentarismo nestas idades temperás. Entronca pois cun dos obxectivos prioritarios da Concellería de Actividade Física e Saúde”.

Luján Campos asegurou que un dos obxectivos deste proxecto é lograr que os rapaces “pasen máis tempo coas súas familias”. Para elo, segundo explicou a súa compañeira Nerea Couceiro, despregarase unha proposta de “14 vídeos con bailes, desprazamentos, exercicios de comunicación corporal e facial…”, polos que, ao seren completados, os pequenos obterán unhas insignias (chapas). Tanto a raposa Luli como as insignias foron deseñados por outra alumna do grupo, Katia Porto, que previamente estudou Belas Artes en Pontevedra.

Resultado dunha enquisa entre familiares e docentes

Tal e como precisou Luján Campos, o proxecto incluíu a realización dunha enquisa a familiares e docentes de alumnado de Educación Infantil, na que se lles preguntou sobre os efectos que tivo a situación sanitaria actual nos aspectos referidos á comunicación e expresión corporal dos nenos e nenas e sobre as accións que agardaban ver nas redes sociais para contrarrestar esta situación. Asemade, no caso dos docentes, tamén se lles inquiriu acerca dos materiais que lles resultarían máis útiles.

En base ás 429 respostas obtidas, 350 por parte de familiares e 79 por parte de docentes, segundo as familias, a pandemia afectou de xeito negativo aos seus fillos na interacción, pero non tivo consecuencia algunha sobre aspectos do seu desenvolvemento. Porén, os docentes consideran que afectou ás relacións sociais, aínda que en especial na habilidade para expresarse con xestos faciais.

A enquisa puxo de manifesto que as actividades que menos realizaron as familias durante o confinamento son principalmente as que implican comunicación e expresión corporal, xogos de dramatización e mímica. As actividades deportivas e os bailes e coreografías practicáronse algo máis, aínda que nunha menor proporción que outras. Dende o comezo da pandemia, as actividades que menos traballaron os docentes foron a expresión corporal e facial e a imitación, é dicir, aspectos claves para a expresión e comunicación corporal. Ademais, recoñecen que o que menos practican no seu día a día son actividades psicomotrices. 

Por outra banda, as familias consideran que as actividades que máis chamarían a atención ao seu fillo/a serían os bailes e coreografías (60,7%), seguidos polas actividades deportivas (53,7%), os contos motores (52,8%) e as actividades na contorna (50,7%). En resumo, tendo en conta os datos da enquisa, o alumnado que participa neste proxecto concluíu que as novas tecnoloxías están a ter un enorme peso no lecer dos nenos e nenas e que é necesario darlle un xiro ao emprego que se fai das mesmas e sacarlles un bo e san proveito. 

Pablo Gayo explicou que a difusión das ‘As Aventuras de Luli’, unha raposa moi aventureira que saíu da súa casa para explorar a súa contorna e lograr ser unha gran ‘scout’, efectuarase a través das redes sociais específicas (@luliaventuras en Instagram e ‘As Aventuras de Luli en Facebook e Youtube) a partir do vindeiro luns 10 de maio e mediante un spot promocional. Asemade, resolveranse as dúbidas e consultas a través do correo electrónico asaventurasdeluli@gmail.com. “Ata a data estamos a ter unha moi boa acollida”, apuntou Gayo.

Ademais de contar coa titorización do profesor Javier Rico, que foi quen lles expuxo aos estudantes a modalidade de proxecto ApS, os alumnos de 3º curso da materia de Didáctica da Expresión e Comunicación Corporal do Grao de Mestra/e en Educación Infantil da USC tamén atoparon a colaboración de asociacións da comarca de Santiago.