A rúa da Torre xa loce nova imaxe

179
  • Rematan as obras de rehabilitación integral deste vial, que incluíron a reposición da capa de rodadura con plataforma única e a renovación de toda a iluminación pública
  • Nesta semana tamén está previsto o remate do novo acceso peonil ao aparcadoiro do IES Torrente Ballester 

A rúa da Torre xa amosa o seu novo aspecto tras o remate das obras de rehabilitación integral, que incluíron a reposición da capa de rodadura con plataforma única, o calmado do tráfico e a renovación de toda a iluminación pública. Da finalización desta actuación informou onte o concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, no marco da Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos. 

Convén lembrar que esta intervención, cun orzamento de 91.499,99, forma parte dunha serie de rehabilitacións integrais que se están a acometer no barrio do Burgo e que, entre outras, prevé a reforma da rúa da Santiña para darlle un tratamento similar ao resto do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade, así como a reordenación do tráfico para limitalo ao estritamente necesario para o funcionamento do barrio. Neste contexto, o deseño da rehabilitación da rúa da Torre acometeuse a semellanza das rehabilitacións realizadas en vías rurais de Pontevedra por ser o tipo de actuación que mellor se adapta á configuración da rúa. 

Na mesma comisión, Demetrio Gómez tamén informou do próximo remate, pervisto para finais desta semana, das obras do novo acceso peonil ao aparcadoiro do IES Torrente Ballester. Esta intervención, que conta cun orzamento de 47.960 euros, consistiu na creación un acceso peonil diferenciado da entrada de vehículos, mellorando a seguridade viaria, e na urbanización dun tramo de vía pública. Así, habilitouse unha escaleira de aproximadamente 30 metros de lonxitude ao longo dun treito de terreo de 8 metros de desnivel, mentres que no punto no que as escaleiras conectan coa rúa Virxilio Blanco está a reurbanizarase ese pequeno tramo para reconvertilo nunha pequena praza.

RÚA DA TORRE I
RÚA DA TORRE II
RÚA DA TORRE III
RÚA DA TORRE