Desenvolvemento Sostible proxecta investir máis de 210.000 € en completar a remodelación da Praza de Europa e abrir os xardíns da Uned

121
  • Os socialistas Tino Fernández, Iván Puentes e Marcos Rey estrean a flamante tirolina de máis de 20 metros instalada na reforma do parque infantil e o seu contorno, á que se destinaron 40.000 €
  • O departamento que dirixe Puentes destinará outros 60.000 euros á segunda fase do proxecto da Praza de Europa, que incluirá a súa mellora paisaxística e a creación dunha pista polideportiva

A flamante tirolina de máis de 20 metros de lonxitude que acaba de estrear o renovado parque infantil da Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro, xa comeza a causar sensación. Nin sequera o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e o edil de Benestar Social, Marcos Rey, puideron resistir esta mañá a tentación de lanzarse neste elemento de aventura, coincidindo cunha visita institucional para comprobar o excelente resultado dos traballos realizados durante os últimos meses nesta zona de xogos da urbanización, na que o departamento que dirixe Puentes leva investidos case 40.000 euros.

Ademais da instalación da tirolina, esta primeira fase do proxecto de remodelación da Praza de Europa, executada pola empresa Carpiglob SL, contemplou a restauración integral do seu parque infantil en base aos criterios técnicos e de seguridade que a firma especializada Solucións Técnicas de Ocio (STO) está pautando para tódalas áreas de lecer de Pontevedra, a delimitación mediante bordos de formigón e mellora do pavimento de terrizo das súas sendas internas e o axardinamento desta  contorna. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible lembrou que estas obras son “a antesala dunha segunda fase de actuacións na que se contempla a mellora paisaxística e axardinamento de todo este espazo, situado entre as rúas Bélxica e Alemaña, a creación dunha pista polideportiva e a renovación do mobiliario urbano, cun investimento que rondará os 60.000 euros”.

No proxecto de reforma integral tamén se prevé a dotación dun sistema de rega nos xardíns que rodean o parque infantil, a plantación de arborado e planta arbustiva e a substitución dalgúns exemplares en mal estado, coa finalidade de xerar zonas de sombra e unhas mellores condicións a nivel de paisaxismo, así como a mellora da iluminación e a restauración de bancos e outro mobiliario. Iván Puentes incidiu na importancia que a Praza de Europa ten “como eixo de centralidade na vida da veciñanza de Monte Porreiro” e asegurou que a achega global de 100.000 euros que o seu departamento vai realizar “busca dotalo da calidade urbana, beleza e condicións de seguridade que este barrio merece”.

Tras probar as sensacións de lanzarse, o edil do PSOE amosouse convencido de que “a nova tirolina, construída en madeira e aceiro inoxidable de alta resistencia e á que se pode acceder mediante unha rampla (e delimitada cun valado de seguridade), converterase nun atractivo que achegará máis aventura e ilusión para os nenos e nenas de Monte Porreiro”.

Unha achega de case 152.000 euros para abrir a Uned á veciñanza

Iván Puentes lembrou que “a do parque da Praza de Europa non é o único proxecto que renovará e mellorará de xeito substancial nos vindeiros meses a urbanización de Monte Porreiro”, posto que “a Concellería de Desenvolvemento Sostible quere poñer en marcha de xeito inminente, en canto o Concello e o Consorcio Universitario fagan efectiva sinatura do convenio de cesión dos terreos, o plan para abrir ao público os xardíns do centro asociado da Uned”. “O barrio e a cidade contarán cun novo parque urbano, que terá un uso mixto cun aproveitamento compatible para os veciños e os estudantes. Destinaremos unha achega que rondará os 152.000 euros á execución dun proxecto que contempla a mellora paisaxística, axardinamento, iluminación, dotación de mobiliario de lecer, recuperación de pavimentos, sendas e bens existentes e sinalización de percorridos e elementos singulares”, avanzou o socialista.

O convenio de colaboración terá unha duración de catro anos, prorrogable, por acordo expreso das partes, ata un prazo máximo de catro anos adicionais, e entre as obrigas do Concello inclúense as de prestar os servizos de seguridade, vixilancia, limpeza, mantemento e conservación do parque, desenvolvendo labores como desbroce, xardinería e plantación de arborado. Pola súa banda, a Uned ten a obriga de poñer os xardíns a disposición do Concello pola fórmula de cesión de uso e de xeito gratuíto; garantir o uso público e libre acceso dos xardíns coa condición de abrilos e pechalos conforme ao horario do centro, e garantir o acceso libre e permanente dos servizos do persoal municipal ao que corresponderá a seguridade, vixilancia, limpeza, mantemento e conservación, así como dos traballadores das empresas concesionarias ou contratistas que poidan ter asignadas ditas funcións.