O Ganapán convida esta fin de semana aos máis pequenos a explorar os fondos mariños e elaborar ‘muffins’ de arandos e hamburguesas veganas

8
  • O programa de lecer infantil do Mercado de Abastos, destinado a nenos de 4 a 10 anos, abre unha nova quenda de inscricións para os seus talleres do sábado 8 e domingo 9 de maio
  • A reserva de prazas para os obradoiros, que terán sesións ás 11:00 e ás 12:30 horas, poderá realizarse a través do correo oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior

O Ganapán regresa esta fin de semana cunha oferta na que se convidará aos máis pequenos a explorar o fondo Mariño e a elaborar receitas tan apetitosas como hamburguesas veganas e ‘muffins’ de Arandos. O programa de lecer infantil impulsado no Mercado de Abastos pola Concellería de Promoción Económica abriu hoxe unha nova quenda de inscricións para os obradoiros dos seus espazos Gastro e Crea, que se desenvolverán o sábado 8 e o domingo 9 de maio pola mañá, en sesións ás 11:00 e ás 12:30 horas, e que están destinados á rapazada de 4 a 10 anos.

Tal e como lembra a responsable do departamento municipal, a socialista Yoya Blanco, “o prazo de presentación de solicitudes pecharase ás 16:00 horas do día anterior á celebración dos talleres, é dicir, do venres 7 para os do sábado 8 e do sábado 8 para os do domingo 9”. “As inscricións poderán realizarse a través da dirección de email oganapan@gmail.com e terán preferencia á hora de reservar praza os nenos e nenas que non tiveran participado con anterioridade en obradoiros de O Ganapán”, aclara a concelleira do PSOE.

Segundo avanza, para a xornada do sábado están previstos un taller de cociña “en torno a unha singular receita de hamburguesas veganas elaboradas con legumes e especias, que sen dúbida vai triunfar”, e outro titulado ‘Mariñeiros en alta mar!’, no se confeccionarán “uns animais mariños moi divertidos empregando a reciclaxe, as cores e a imaxinación”. Os pequenos que participen nos talleres do domingo terán a oportunidade de cociñar unha merenda tan saborosa como uns ‘muffins’ de arandos e de arroxar unha pouquiña de luz na escuridade do océano para observar os peixes e algas que adoitan habitar no fondo do mar.

Como en anteriores talleres do Espazo Gastro, Yoya Blanco recórdalles aos nenos que non se esquezan de levar a súa friameira “para poder levarlles aos seus pais e nais as receitas que fagan en O Ganapán”.