Promoción Económica abre o prazo de inscrición no curso de Limpeza Hospitalaria

16

Trala boa acollida do curso de Operador de Carretillas Elevadoras (no que participaron 14 alumnos e do que están previstas máis edicións), a Concellería de Promoción Económica e Ara Formación acaban de abrir o prazo de inscrición nunha nova actividade formativa gratuíta centrada no eido da Limpeza Hospitalaria. Este curso desenvolverase entre os días 18 de maio e 9 de xuño, de luns a venres en horario de 9:30 a 13:00 horas, constará de 90 horas de duración (50 teóricas e 40 de prácticas en empresa) e, como o anterior, está destinado de xeito prioritario a persoas desempregadas empadroadas no concello de Pontevedra. 

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, explica que “as inscricións deberán realizarse a través do email administracion@proxectoiles.es, indicando no asunto ‘Ref: Limpeza hospitalaria’ e achegando a seguinte información: nome e apelidos, dirección, teléfono, email e antigüedade no paro”. No curso abordaranse cuestións relativas á limpeza xeral; os sistemas de limpeza de mobiliario, servizos, paredes, habitacións, cristais…; os principais produtos químicos empregados e as medidas de seguridade e hixiene a ter en conta na súa manipulación; a limpeza das diferentes zonas dun hospital; a infección nosocomial (ou intrahospitalaria) e a súa prevención; os principios fundamentais da limpeza hospitalaria; a relación cos pacientes; os sistemas de desinfección hospitalaria; a recollida e eliminación dos residuos sanitarios; a lexislación sobre residuos sanitarios; o listado de enfermidades infecciosas, ou a prevención de riscos laborais na limpeza hospitalaria. As prácticas serán en sesións de 5 horas diarias, en horarios de mañá ou tarde, tendo en conta a dispoñibilidade.

Yoya Blanco lembra que, dentro desta quenda de actividades formativas, Promoción Económica e Ara Formación desenvolverán un curso máis, “neste caso sibre Limpeza en Aloxamentos Turísticos (camareira/o de piso), tamén cunha duración de 90 horas (50 teóricas e 40 prácticas), no que se tratarán contidos como as técnicas básicas de limpeza; as normas de seguridade, hixiene e saúde; a limpeza de mobiliario interior; o arranxo de habitacións e zonas comúns de aloxamentos; o aprovisionamento e organización do office; a organización dos produtos no carro; as operacións de desmontaxe e ventilación previas á limpeza; os protocolos de custodia e devolución dos obxectos esquecidos; a atención ao cliente na limpeza de pisos; o mantemento de habitacións e baños, e algunhas nocións básicas de trato ao cliente para hostalería en lingua inglesa.