Pontevedra volve reivindicarse como capital nacional do piragüismo co Campionato de España de Maratón e o 2º Torneo da Liga de Kayak Polo

204
  • Uns 670 padexeiros absolutos pertencentes a 88 clubs, 316 deles galegos, daranse cita entre mañá e o domingo en augas do Lérez no Campionato de Maratón de Piragüismo Absoluto e Máster
  • O 2º Torneo Liga Nacional de Kayak Polo reunirá tamén esta fin de semana a 150 deportistas pertencentes a 17 equipos de todo o Estado no Complexo Deportivo David Cal de Verducido

Pontevedra volverá reivindicarse esta fin de semana como capital española do piragüismo coa celebración, en augas do Lérez do Campionato de España de Maratón Absoluto e Máster, organizado pola Federación Galega de Piragüismo (FGP) en colaboración coa Concellería de Deportes, a Real Federación Española de Piragüismo (RFEP) e o Consejo Superior de Deportes. O evento desenvolverase entre mañá e domingo, incluíndo tamén as categorías cadete, xuvenil e sénior de K1, K2, C1, C2 e paracanoa e contando coa participación de 670 deportistas absolutos (316 galegos) pertencentes a 88 clubs nacionais (35 da nosa comunidade autónoma). Deles, 220 competirán en categoría máster e 87 nas de carácter mixto.

O Campionato, presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, e mailo presidente da FGP, Alfredo Bea, dará comezo mañá pola tarde ás 17:00 horas cun control selectivo de maratón curto e as probas na distancia de 3,6 km, primeiro en categoría sénior de K1, e posteriormente, arredor das 18:00 horas, sénior de C1. A xornada do sábado 8 porase en marcha ás 9:00 horas coas probas masculina júnior K1 (22,6 km), feminina júnior (19 km), masculina júnior C1 (19 km), feminina sénior C1 (19 km), feminina sub23 C1 (15,4 km) e feminina júnior C1 (11,8 km). A partir das 11:30 horas terá lugar a saída das categorías masculina sénior K1 (29,8 km), masculina sub23 K1 (26,2 km), feminina sénior K1 (26,2 km), feminina sub23 K1 (22,6 km), masculina sénior C1 (26,2 KM) e masculina sub23 C1 (22,6 km).

Xa pola tarde, desde as 16:30 horas produciranse as saídas das categorías masculina cadete K2 (11,8 km), mixta cadete K2 (11,8 km), masculina cadete K1 (11,8 km), feminina cadete K2 (11,8 km), masculina cadete C2 (11,8 km), mixta cadete C2 (11,8 km), feminina cadete K1 (11,8 km), masculina cadete C1 (11,8 km) e feminina cadete C1 (11,8 km). As saídas dos padexeiros de categorías veteráns e especiais (paracanoa) terán lugar entre as 18:00 e as 18:10 horas.

O Campionato de España de Maratón, proba selectiva para o equipo nacional, continuará o domingo 9 de maio pola mañá con varias probas de veteráns e júniors previstas para as 9:00 horas e as saídas das competicións masculina sénior K2 (29,8 km), mixta sénior K2 (26,2 km), feminina sénior K2 (26,2 km), masculina sénior C2 (26,2 km) e mixta sénior C2 (26,2 km) desde as 11:30 horas. Os actos de entrega de trofeos desenvolveranse o sábado ás 13:45 e ás 20:30 horas e o domingo ás 14:00 horas. 

Tres pistas de xogo simultáneo en Verducido

Tal e como apuntou Tino Fernández, “por se a oferta non fora xa o suficientemente interesante para os amantes dos deportes de piragua e canoa, Pontevedra tamén acollerá esta fin de semana o 2º Torneo da Liga Nacional de Kayak Polo”. As pistas do Complexo Deportivo David Cal de Verducido albergarán entre o sábado 8 e o domingo 9 tres pistas de xogo simultáneo nas que se desenvolverá unha nova ‘maratón’, neste caso de encontros desta disciplina, coa participación 150 deportistas de 17 equipos en categorías masculina, feminina e masculina sub16.

En concreto, xogarán este torneo as seguintes escuadras: Club Vallehermoso Retiro, Club Madrileño Ciencias, Real Club Náutico Castellón, Club Deportivo Kayak-Polo Málaga, Club Escola Marítima Combarro, Asociación Deportiva Pinatarense, Alaquàs Kayak-Polo, Club Deportivo Piragüismo Arcos, Alberche Kayak Club, Club Piragüismo Penedo Teimporta, Real Club Náutico Rodeira de Cangas, Club Copacabana de Piragüismo, Club Picassent KP, Club Madrileño Ciencias, Club de Regatas Burriana, Club Piragüismo Ciudade de Lugo e Club Natacio Banyoles.

Tino Fernández afirmou que o piragüismo “é un dos deportes máis importantes dos que se poden desfrutar en Pontevedra, non en balde o deportista pontevedrés máis laureado é un padexeiro, Óscar Graña”. Segundo avanzou o socialista, “temos un calendario de probas que iremos presentando nas vindeiras semanas e meses e que, sen dúbida, nos volve a situar como referente destas disciplinas” e subliñou que “o feito de que haxa preto de 1.000 padexeiros (se contamos as categorías veteráns) non virá nada mal para a economía”. “As competicións desenvolveranse en base a un estrito protocolo que garantirá a seguridade. Mesmo non sendo un deporte de contacto, os deportistas terán que pasar un test de antíxenos 72 horas das probas”, apuntou o concelleiro do PSOE.

Alfredo Bea salientou que este Campionato de Maratón contará “cos mellores padexeiros de España, xa que é clasificatorio para os Campionatos de Europa e o venres realizarase ademais un test selectivo”, polo que se trata dun evento espectacular e de primeiro nivel que os cidadáns poderán seguir “de xeito seguro ao longo do río Lérez”. “En agosto -anunciou o presidente da FGP- celebrarase o grande Campionato de España de Velocidade e agardamos que para entón xa teñamos ás nosas ‘Antías’ (Jácome e Otero) clasificadas para os Xogos Olímpicos. Ademais, temos previsto organizar un grande evento con Portugal. Pontevedra é auga, piragüismo e deporte náutico”, asegurou Bea.