Promoción Económica engalana a Praza de España para ofrecernos ‘O Mellor da Terra’

51

Un equipo de operarios traballa desde primeira hora para instalar na Praza de España a enorme carpa que albergará entre mañá e o domingo os 26 expositores da I Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade ‘O Mellor da Terra’, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e organizada pola firma Embruxo en colaboración con Hoempo (Asociación de Hosteleiros de Pontevedra, Poio e Marín). A inauguración deste evento gastronómico, que ten o obxectivo de lograr que alimentos e sabores díficiles ou imposibles de atopar en grandes superficies cheguen directamente do produtor ás nosas bocas, terá lugar mañá ás 17:00 horas, nun acto no que participará a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco (os postos permanecerán abertos ata as 21:00 horas). Tanto na xornada do sábado como na do domingo haberá horario ininterrompido de mañá e de tarde, entre as 11:00 e as 21:00 horas.


Os que nestes días se acheguen ata a Praza de España atoparán produtos de primeira calidade como mel casera ‘made in Vilagarcía’, marmeladas sen colorantes nen conservantes cun formato espectacular e unha combinación de sabores brutal, as mellores cecinas de León e artigos gourmet de marcas como Pimentón de La Vera, Comesetas, La Curiosa, Pepa a Loba (co seu paté de centollo), Santiago Roma (cun viño elaborado en barrica de pedra e unha cervexa artesá confeccionada a partir dun zume de albariño), Iberbouquet (que achegará xamón ao corte), Croquetas D (que ofertará máis de 14 variedades de croquetas procedentes de Lugo) ou Galo Celta (ovos famosos ecolóxicos que namoraron a Martín Berasategui e Amancio Ortega e que se venden a un prezo de ata dous euros). Tamén haberá postres, con doces elaborados por firmas como Versos de A Ruda, da zona de Sanxenxo, e unha enorme variedade de queixos (desde Zamora ata Arzúa).


Asemade, Hoempo xa confeccionou un ‘mapa de tapeo’ no que algúns bares e restaurantes presentarán unha receita e farán unha maridaxe a partir de produtos dos provedores, aproveitando deste xeito as sinerxías cos hosteleiros, xerando un roteiro gastronómico e promovendo que os clientes vaian aos bares, proben a tapa e acudan aos postos da Praza de España a mercar eses produtos.