Avanza o ‘esqueleto’ da plataforma dixital para o transporte a demanda

46
  • Demetrio Gómez avanzou, no marco da xornada sobre a Estratexia Edusi, a estrutura da aplicación e o seu modo de uso para as futuras usuarias e usuarios
  • O alcalde salientou a importancia “da experiencia para mellorar e multiplicar os efectos positivos dos investimentos de fondos europeos”

Unha usabilidade sinxela e operativa, este é o punto de partida da estrutura da plataforma dixital para o futuro servizo público de transporte a demanda, segundo anunciou o concelleiro de Obras Urbanas e Transporte, Demetrio Gómez, durante a súa intervención na xornada “Unha ollada á estratexia urbana ‘Máis Modelo’ de Pontevedra”. O concelleiro amosou, durante o seu relatorio, o ‘esqueleto’ do que serán a ferramenta web e a app para móbil, explicando que se trata tan só da armazón da estrutura, a falta aínda de definir cuestións como a imaxe e o deseño visual e gráfico, o idioma -a definitiva será integramente en galego-, ou o nome que recibirá esta plataforma.

Así, explicou que a ferramenta web funcionará cunha usabilidade moi básica na que o futuro usuario ou usuaria contará cun formulario para solicitar unha viaxe cubrindo apartados elementais como o punto de orixe, o destino, e os datos de contacto. Mentres, a aplicación para móbil contará cunha parte dedicada ao rexistro de usuarios e usuarias, a partires da cal se van pasando pantallas nas que se indican os puntos de orixe e destino da viaxe, as características do vehículo que se precisa – tipo de maleteiro, con cadeira para crianzas, mobilidade reducida, etc-, hora de recollida e chegada, e forma de pagamento, que se realizará a través das plataformas de pagamento dixitais xa existentes e en funcionamento no mercado. 

Entre as cuestións que se están definindo neste momento de deseño da estrutura desta plataforma, Demetrio Gómez citou que queda pendente establecer se os puntos de recollida de usuarios e usuarias serán porta a porta ou se definirán puntos de econtro comúns por áreas ou zonas, e se os puntos de destino serán individuais ou se tamén se establecerán puntos comúns ao longo da cidade. No referente aos horarios tamén se está estudando se as recollidas de usuarios e usuarias serán personalizadas segundo as súas demandas, ou se se establecerán franxas horarias.

En todo caso, Demetrio Gómez asegurou que esta aplicación se irá axustando ata acadar o obxectivo final de contar, a comezos do ano 2023, cun servizo público de transporte a demanda que atenda ás persoas que viven en zonas rurais con escasa densidade de poboación, que permita utilizar vehículos o máis respectuosos posible co medio ambiente, que forneza á poboación usuaria de servizos ‘irregulares’, e que sexa asequible economicamente para as persoas usuarias.

Demetrio Gómez avanzou estes datos no marco do panel dedicado aos proxectos que se están desenvolvendo, ou están en previsión, dentro da Estratexia Edusi no Concello de Pontevedra, no que tamén interviron a concelleira responsable destes fondos europeos Anabel Gulías que fixo un somero repaso por todos os proxectos e obxectivos acadados nesta estratexia, e o tenente de alcalde, Tino Fernández, quen falou do proxecto de rexeneración do patrimonio natural urbano, coa recuperación do tramo soterrado e posta en valor do río Gafos.

Experiencia e folla de ruta solvente

A apertura da xornada correu a cargo do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quen salientou a “experiencia para mellorar e multiplicar os efectos positivos dos investimentos de fondos europeos”. Asegurou que, precisamente grazas á experiencia acumulada na xestión deste tipo de fondos, en Pontevedra “estes investimentos falan de futuro, nunha cidade que entende que a xestión debe facerse dun xeito serio e cunha folla de ruta solvente”.

Así centrou os logros acadados a través da Estratexia Edusi en tres ámbitos. En primeiro lugar, citou a extensión e adaptación do modelo de cidade centrado nas persoas, estendéndoo aos barrios de media densidade que rodean á cidade compacta, con proxectos como a recuperación do treito urbano do camiño portugués, coa intervención realizadas no barrio do Gorgullón e a que se está a realizar no barrio do Burgo. En segundo lugar, situou o compromiso co patrimonio natural e a loita activa contra o cambio climático, o Efecto PO2, gañando novos espazos verdes e apostando polo anel verde periurbano con actuación como a creación do parque da Fracha. E por último, citou o traballo continuado na concepción integral do espazo urbano como garantía de cohesión social e a importancia do establecemento de redes de conexións, con actuación como o proxecto de transporte a demanda, garantindo a optimización de recursos e a calidade de vida para das persoas en todo o territorio do Concello.