As visitas escolares de O Ganapán regresan a vindeira semana ao Mercado de Abastos

33
  • Os roteiros organizados pola Concellería de Promoción Económica volven poñerse en marcha o martes 11 de maio con catro colexios nesta primeira quenda trala pandemia
  • As visitas do programa de lecer infantil están programadas para os meses de maio e Xuño, con aulas de entre 16 e 24 nenos divididos en 3 ou 4 grupos duns 5 ou 6 rapaces

Despois de que a irrupción da pandemia obrigase a interrompelas durante o pasado ano, as visitas escolares do programa municipal O Ganapán regresarán o vindeiro martes 11 de maio ao Mercado de Abastos. Os novos roteiros organizados pola Concellería de Promoción Económica e Turismo están programados para os meses de maio e xuño (rematando o día 17 de xuño), participando nesta quenda inaugural catro colexios do noso concello: os CEIP Praza de Barcelos, A Xunqueira II, Marcos da Portela e Álvarez Limeses. Non obstante, aínda que o departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco non puidese incorporar máis centros educativos, por terse completado os días de visita coas solicitudes destes colexios, está previsto que se volvan retomar en setembro, co inicio do curso.

Segundo explica a edil do PSOE, os roteiros polo Mercado de Abastos “desenvolveranse en dúas quendas, ás 10:00 e ás 12:00 horas, cunha duración aproximada de 90 minutos, de martes a xoves”, en grupos formados por aulas de 16 a 24 nenos e nenas, “que dependendo do número, dividiranse en 3 ou 4 grupos de aproximadamente 5 ou 6 rapaces”. “Respectaranse as medidas de hixiene e seguridade en todo momento, con grupos reducidos, uso obrigatorio de máscara, hixienizado de mans, control de temperatura, mantemento de distancias e limpeza de espazos”, subliñou a concelleira.

Tódolos roteiros terán unha estrutura semellante. Trala benvida do grupo á entrada principal do Mercado e o saúdo dos monitores, levarase a cabo unha visita polos distintos espazos que conforman a Praza municipal, adaptando os contidos didácticos aos grupos de idade. Tal e como sinala Yoya Blanco, “na planta baixa contextualizarase a historia do edificio na cidade e achegarase aos nenos o produto de proximidade, do mar e da terra, así como aos distintos oficios: carnicería, peixería, froitería, posto de verduras e legumes, florería, marisquería e ultramarinos (queixos, pan e embutidos)”.

Tamén se visitará o Gastroespazo situado no primeiro andar, falando dos tipos de embarcacións que decoran o teito, ensinándolles aos alumnos onde se ubicaba a antiga lonxa e para que serve, tratando aspectos relacionados coa reciclaxe e dándolle significado ás distintas palabras que recollen as lonas dos postos de bebida e comida (artesán, sostible, ecolóxico, tradicional…). Por último, nesta mesma planta, visitarase O Ganapán, con programacións específicas en función do ciclo educativo: cos rapaces de Educación Infantil desenvolverase un contacontos e unha actividade plástica (ex. marcapáxinas), sempre seguindo unha temática en consonancia co Mercado; mentres que para os de Educación Infantil haberá un concurso de preguntas e respostas do estilo de ‘Saber e gañar’, sobre aspectos relacionados cos oficios e produtos que se atopan na Praza de Abastos.