O Concello inviste en dous anos máis de 44 millóns en melloras de abastecemento e saneamento no rural

144

A Concellaría que dirixe Raimundo González executou ou ten en marcha 28 proxectos das melloras do contrato da auga, o que supón o 76,4% dos 58 millóns de investimentos recollidos naquel acordo.

O concelleiro amósase satisfeito e confía en ter licitado nos vindeiros meses os 11 proxectos pendentes valorados en 13 millóns de euros.

O investimento medio por vivenda do rural cos proxectos en marcha, é de máis de 10.000 euros na rede de abastecemento e de 10.000 euros na rede de saneamento.

A Concellaría de Economía, que dirixe Raimundo González, encargado de xestionar os investimentos do contrato do ciclo da auga, ten executado en dous anos 44 millóns de euros en 28 proxectos executados para completar as redes de abastecemento de auga potábel e de saneamento nas parroquias do rural. É dicir, están executados ou pendentes de rematar o 76,4% dos 58 millóns de euros en investimentos comprometidos pola empresa concesionaria Viaqua, na oferta gañadora do contrato da auga que se asinou en setembro de 2018.

O concelleiro responsable desta xestión, Raimundo González, amosouse moi satisfeito ao coñecer as cifras concretas nunha reunión mantida esta semana coa empresa concesionaria na que fixo repaso do cumprimento do contrato, do ritmo das obras e dos proxectos pendentes.

O obxectivo da concellaría é levar os vindeiros meses coa licitación dos 11 contratos xa redactados e á espera da resolución de diversos trámites, e continuar co bo ritmo de execución. A metade deles están por debaixo do millón de euros, incluso do medio millón de euros.

Proxectos en marcha ou finalizados

Aquel primeiro contrato que se puxo en marcha en abril de 2019 foi a primeira fase do saneamento da parroquia de Verducido. Dous anos e un mes despois, dos 28 proxectos activados, 5 xa están rematados: o saneamento da Peralba (Marcón), do Xistro (Salcedo), o abastecemento ao lugar do Xistro, a urbanización da rúa Echegarai e a urbanización da rúa Porta Grande.

O resto de proxectos están pendentes de flocos, maioritariamente, asfaltados das vías públicas como os saneamentos de Santo André de Xeve, Santa María de Xeve, Verducido, Alba, Bora, Campañó (2 proxectos), Lérez, Lourizán, Salcedo.

Tamén están en execución os abastecementos de Mourente (3 proxectos), Salcedo (2 proxectos), Tomeza, Bora (2 proxectos), Marcón (2 proxectos) e Lourizán. 

E xa se iniciaron a impermeabilización do depósito da ETAP en Lérez e a mellora do bombeo de auga de Monte Porreiro.

Todos eles constitúen o 76,4% dos 58.028.179,46 euros investimentos comprometidos para abastecemento e saneamento no contrato. É dicir: 44.345.448,54 euros.

Polo de agora solicitáronse 190 permisos para o paso por fincas de particulares (no caso do saneamento, xa que o abastecemento emprega as estradas). Nos proxectos de abastecemento darase servizo a 7.174 veciños, e no de saneamento a 2.355 veciños. 

A media de investimento por residencia é de 10.367 euros por cada rede (10.000 por abastecemento e 10.000 por saneamento) sen terlles imputados os custos das redes e das infraestruturas hidráulicas xerais que tamén se están a executar. A modo de exemplo, o proxecto máis custo é o de saneamento á parroquia de Lourizán cunha media de 25.226 euros por vivenda.

Os proxectos pendentes

No repaso ás melloras do contrato, tamén se abordou a situación dos proxectos pendentes, todos eles redactados e á espera de diversos trámites. Están incluídos neste grupo as segundas fases dos saneamentos de Santo André de Xeve e Verducido, ou os saneamentos para completar as redes de  Marcón, Tomeza ou Cerponzóns.

Ao respecto do abastecemento, está pendente o proxecto de Marcón e Tomeza, vinculado á construción do depósito de Valadares (Marcón), e o abastecemento de Lourizán. Tamén está listo o proxecto de substitución da rede baixo a autoestrada AP-9, en Salcedo, que agarda de permisos administrativos.

Esta nova fase de proxectos supoñen un investimento de 13.682.730,92 euros que darán servizo a 842 veciños na rede de abastecemento, e a 1.489 veciños no saneamento. O investimento por vivenda destes proxectos por iniciar sería de 15.531 euros en cada unha das redes, e sen imputar os gastos das rede de das infraestruturas hidráulicas xerais.

Os números globais

En total os proxectos de saneamento e de abastecemento e as mellora das infraestruturas hidráulicas, darán servizo a 8.019 veciños na rede de abastecemento e a 3.844 na de saneamento.

Estas obras están sendo executadas por nove empresas locais ou comarcais. Supoñen a posta en marcha de 147 quilómetros de rede de abastecemento de auga e 95 quilómetros de rede de saneamento. 

Ao final dos proxectos instalaranse 3.300 pozos de rexistro, 26 bombeos de augas residuais e unha EDAR en Santo André de Xeve. Asfaltaranse, tamén, 239 quilómetros de estradas.

A aposta do Goberno Local por levar o saneamento e o abastecemento a todos os núcleos rurais do concello levan o selo do Efecto PO2 e da política ambiental de tratamento dos residuos evitando a contaminación de canles de auga ou de terras. Ademais, converterá a Pontevedra nunha das primeiras cidades de Galiza que teña canalizadas todas as súas augas residuais.