- O acordo permitirá integrar na cidade os espazos militares que o Ministerio de Defensa posúe nas zonas de Campolondo e Mollavao
- A Xunta de Goberno local vén de aprobar provisionalmente o proxecto de modificación puntual PXOU nos ámbitos de ambos predios
A portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías informou esta mañá de que a Xunta de Goberno local procedeu á aprobación provisional do proxecto de Modificación puntual do PXOU nos ámbitos dos predios do INVIED (Instituto da Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa) sitos en Campolongo, entre as rúas do Xeneral Antero Rubín- avenida María Victoria Moreno- rúa da Tablada, e en Mollavao, delimitado entre a avenida Manuel del Palacio e a rúa Rosalía de Castro.
Anabel Gulías lembrou que este trámite de modificación puntual do PXOU é un trámite necesario para a aprobación do Convenio de colaboración urbanística entre o Concello eo Invied, que permitirá integrar na cidade os espazos militares que o Ministerio de Defensa posúe nas zonas de Campolondo e Mollavao. Entre outras cuestións, o acordo permitirá abrir espazos verdes e espazos públicos, conectar os viais da área militar coas rúas colindantes, e crear unha praza entre as rúas Rosalía de Castro e Manuel del Palacio.
Segundo explicou Anabel Gulías, durante o período de exposición tan só se presentou unha alegación que xa foi resolta polos técnicos municipais. A partires de agora, enviaranse, tanto a modificación puntual como o convenio, á Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que disporá dun mes solicitar algún requirimento se o considera oportuno e de tres meeses para emitir o informe necesario para aprobación definitiva en sesión plenaria.
A modificación propón as seguintes actuacións en cada zona:
- No ámbito de Campolongo
- Cambio de uso de vivenda vinculada ao Patronato de Casas Militares polo de vivenda libre
- Completar e reaxustar as aliñacións e rasantes da rúa da Tablada
- Ordenación dos volumes edificables previstos no plan, incluíndo un aparcamento no subsolo para residentes
- Ampliación e apertura dun vial público para unir a rúa da Tablada coa avenida María Victoria Moreno
- Cesión ao Concello de Pontevedra dun local e de viais e espazos libres para uso público
- No ámbito de Mollavao
- Cambio, en parte do ámbito, do uso de vivenda unifamiliar polo uso de vivenda colectiva
- Recualificación de terreo cualificado como libre de uso privado para uso de equipamento público
- Cesión ao Concello de Pontevedra de espazos libres para o uso púlbico dentro do ámbito, permitindo a creación dunha praza pública con conexión entre as rúas Manuel del Palacio e Rosalía de Castro.