Educación emite a proposta provisional das subvencións anuais para as Asociacións de Nais e Pais de Alumnos cunha achega global de 24.670 €
22
Os colexios disporán dun prazo de 10 días hábiles para presentar posibles reclamacións, antes de que a comisión de valoración realice a proposta definitiva para aprobala en Xunta de Goberno
As axudas están destinadas a financiar proxectos e accións desenvolvidas polas Anpa no eido educativo, aprobándose nesta quenda as 14 solicitudes presentadas no Concello
A comisión de valoración das subvencións destinadas a Asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as (Anpa) reuniuse esta mañá coa finalidade de emitir unha proposta provisional relativa á convocatoria do curso escolar 2020/2021. Avaliados os expedientes de solicitudes presentados, verificouse que as 14 instancias recepcionadas polo Concello cumpren con tódolos requisitos, destinándose unha achega global de 24.670 euros á súa cobertura.
O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, lembrou que “estas subvencións están orientadas a financiar as accións e proxectos desenvolvidos no eido educativo polas Anpa de centros escolares de Pontevedra mantidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de primeiro ou segundo ciclo de Educación Infantil e/ou ensinanzas obrigatorias”, concedéndose axudas de entre un 30 e un 50% dos orzamentos presentados (ata un máximo de 2.000 euros). En concreto, aprobáronse as subvencións para as seguintes Anpa e iniciativas:
Anpa Bolboreta CEIP Cabanas: instalación de horto escolar
Anpa Xeve: Familias na Educación e no Lecer
Anpa O Miradoiro: actividades extraescolares, saídas culturais, mellora do centro e diversas festas
Anpa Andaina CEIP A Xunqueira II: acción no eido da educación
Anpa Virxe do Carme CEIP Ponte Sampaio: diversas actividades
Anpa Anduriña EEI Concepción Crespo Rivas: festas e material para o colexio
Anpa Helenes IES A Xunqueira II: banco de préstamo de libros de texto, obradoiro de Inglés, curso de técnicas de estudo, taller para afrontar os exames ABAU e acto de graduación de 2º de Bacharelato
Anpa Pardo Bazán: Crecendo Xuntos
Anpa San Martiño CEIP San Martiño (Salcedo): actividades educativas de convivencia e de conciliación no curso 2020-2021
Anpa San Pedro do CEIP Parada (Campañó): memoria con diversas actividades
Anpa O Areeiro: actividades de Nadal, Samaín, Entroido, Día do Libro, horta escolar, material de prevención contra a Covid-19, excursións de socios e xornadas
Anpa O Verxel: varias actividades e proxectos
Anpa San Xosé do CEP Campolongo: diversas actividades
Anpa Vilaverde: festa de Nadal, campamento e cross escolar
Tino Fernández explica que os colexios “disporán agora de 10 días hábiles para presentar posibles reclamacións ou correccións, antes de que a Concellería de Educación emita a proposta definitiva e as subvencións se aproben en Xunta de Goberno Local”.