Os mellores skaters de Galicia ‘voarán’ en Pontevedra o sábado 22 de maio na terceira proba do Circuíto Júnior na modalidade de rampla

141
  • Uns 50 skaters participarán neste evento sen público, organizado pola Escola da Urban Culture Factory en colaboración coa Concellería de Deportes e a Federación Galega de Patinaxe
  • As competicións, nas categorías de Iniciación, Medio e Amateur, tanto feminina como masculina e mixta, desenvolveranse nas instalacións que a Escola ten na avenida das Corvaceiras

Uns 50 skaters de toda a Comunidade prepáranse para ‘voar’ e sorprender cos seus mellores trucos na terceira proba do Circuíto Galego Júnior de Skate, que se celebrará en Pontevedra o sábado 22 de maio. O evento, organizado pola Escola de Skate Urban Culture Factory en colaboración coa Concellería de Deportes e a Federación Galega de Patinaxe e co apoio da Deputación Provincial, desenvolverase sen público, na modalidade de rampla, nas instalacións que a Escola ten no número 44 da avenida das Corvaceiras, en horario de 12:00 a 20:00 horas. 

Entre os talentos que se darán cita nesta proba co Circuíto Galego destacan os nomes dos coruñeses Valentina Planes (cuarta no último Campionato de España), Luis Cabarcos, Luis Martínez e Lucía Couñago, o gondomareño Samuel Piñeiro, o guardense Nico Romar e os pontevedreses Xan Escudero e Marta Calvo. Segundo explica Toño Escudero, da Urban Culture Factory, “as competicións realizaranse en categorías de Iniciación (mixta), Medio (masculina e feminina) e Amateur (masculina e feminina) e para realizar a inscrición será necesario contar con licencia federativa de competición”. “Os clubs poderán inscribir aos seus deportistas e obter máis información a través da dirección de correo electrónico urbanculturefactory@gmail.com ou do teléfono 637 25 90 54”, indicou Escudero.

En opinión do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “coa organización desta proba, Pontevedra amosa non só que ten a capacidade e os elementos imprescindibles para albergar grandes e pequenos eventos, senón tamén que, cando dicimos que aquí podemos atopar practicamente calquera tipo de deporte, non estamos a esaxerar”. “A Urban Culture Factory está a realizar un labor encomiable na difusión desa cultura dos coñecidos como deportes urbanos, axudando a ampliar as fronteiras da oferta deportiva e de lecer da nosa cidade. Este tipo de campionatos de skate en rampla, nos que se puntúan a execución dos trucos, a axilidade e o estilo, resultan absolutamente espectaculares e un luxo para Pontevedra”, afirmou o edil socialista.