Pontevedra achega a diversidade sensorial á sociedade co gallo Día da Lingua de Signos

130
  • Entre as actividades previstas inclúese o IV Concurso Provincial Xoga coas Manciñas, no que o alumnado de Infantil e Primaria deberá gravar un vídeo dun conto, canción, poema… en lingua de signos
  • O Consistorio iluminarase de turquesa, sortearase unha praza nun curso de lingua de signos e haberá xornadas de portas abertas cun contacontos e unha charla-coloquio sobre diversidade sensorial

A celebración do IV Concurso Provincial Xoga coas Manciñas e xornadas de portas abertas cun contacontos e unha charla-coloquio sobre a diversidade sensorial son algunhas das accións coas que Pontevedra conmemorará o 14 de xuño, Día Nacional da Lingua de Signos Española. Baixo o lema ‘Máis que nunca, preto de ti’, o programa de actividades deseñado polo colectivo Xoga en colaboración coa Concellería de Benestar Social e a Deputación, que tamén contempla a iluminación da Casa Consistorial de cor turquesa e o sorteo dunha praza gratuíta nun curso de nivel A1 de Lingua de Signos, foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron a súa presidenta, María Jesús Monterde; a súa secretaria xeral, Josefa Carballo; a súa tesoureira, Rosa María Piñeiro; o concelleiro Marcos Rey e a deputada provincial Olga García Ballesteros, así como unha intérprete de lingua de signos.

Tal e como explicou Monterde, o Concurso Xoga coas Manciñas ten o obxectivo de “promover e difundir a lingua de signos e sensibilizar sobre a realidade da comunidade xorda entre o alumnado de Educación Infantil e Primaria a través do traballo en equipo, o fomento da lectura e a cultura galegas e as linguas nais: lingua de signos e galego”. “Os nenos e nenas que participen -sinalou- deberán gravar un vídeo de non máis de cinco minutos dun conto, canción ou poema dun/dunha autor/a galego/a en lingua de signos e presentalo antes das 23:59 horas do 28 de maio no correo electrónico mancinhas@organizacionxoga.org, autorizando a posterior divulgación do material”.

Segundo precisou o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, o xurado do concurso (do que formará parte o propio edil socialista, xunto coa presidenta e un técnico/a de Xoga e as deputadas de Cohesión Social e Lingua, Olga García e María Ortega) reunirase o luns 31 de maio ás 11:00 horas na Sala Valdecorvos da Casa Azul para proceder á votación das propostas. Rey indicou que as gravacións non poderán ser individuais e que “os colexios poden enviar o número de vídeos que queiran, pero só remitir un por cada grupo”, valorándose aspectos como “a coordinación da lingua de signos, a calidade de imaxe e son e o feito de interpretar un conto, poema ou canción orixinal e pouco coñecidos”. As escolas gañadoras do certame recibirán como premios un contacontos en lingua de signos e un taller de sensibilización gratuítos (que recollerán o propio 14 de Xuño).

Entre o luns 7 e o domingo 13 de xuño, a Organización de Diversidade Sensorial Xoga (afiliada á Federación Española de Sordoceguera) desenvolverá en diferentes concellos da provincia xornadas de portas abertas que incluirán unha exposición titulada ‘A Comunidade con Diversidade Sensorial’, un taller de Iniciación á Lingua de Signos para maiores de 16 anos, un contacontos en lingua de signos dirixido a público infantil e a charla-coloquio A Diversidade Sensorial, na que se analizarán conceptos, estereotipos e recursos ao noso alcance. María Jesús Monterde avanzou a súa intención de que estas xornadas continúen a desenvolverse de xeito altruísta ao longo do ano noutros concellos que así llo soliciten a Xoga.

Unha fin de semana tinguida de turquesa

Entre a noite do venres 11 de xuño e a mañá do luns 14 de xuño a cor turquesa tinguirá tanto o Pazo Provincial, a sede viguesa da Deputación e diversos consistorios da provincia, entre eles o da nosa cidade, nunhas xornadas nas que a balconada do edificio da Praza de España tamén exhibirá unha lona conmemorativa. Esta mesma fin de semana, as redes sociais de Xoga difundirán o sorteo dunha praza gratuíta para un curso de 60 horas de nivel A1 de Lingua de Signos para maiores de 16 anos que vivan en Galicia.

Este amplo programa de actividades pecharase o luns 14 de xuño ás 12:00 horas coa celebración do acto de entrega dos premios do IV Concurso Provincial Xoga coas Manciñas, que terá lugar no Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra. Olga García Ballesteros animou a tódolos colexios a participar no concurso e lembrou que “todos somos diferentes e ao mesmo tempo iguais, e son precisamente esas diferencias as que enriquecen a nosa sociedade”. “Na Deputación -asegurou- somos fieis defensores da igualdade e das políticas sociais, e traballamos para cumprir cos obxectivos da Axenda 2030. Queremos que Pontevedra se converta nun exemplo de igualdade e cohesión social”.

Marcos Rey aproveitou a ocasión para salientar “a boa acollida do programa municipal Manciñas 20Vente-20Vente, destinado a sensibilizar ao alumnado dos centros educativos de Pontevedra sobre a comunidade con diversidade sensorial e a fomentar o emprego da lingua de signos como vehículo de comunicación”. “Este proxecto foi presentado a unha vintena de colexios e ao Conservatorio Manuel Quiroga e, aínda que inicialmente ía dirixido a alumnado de 3º e 4º de Primaria, houbo centros -subliñou o concelleiro do PSOE- nos que se solicitou implementalo en cursos inferiores e superiores. Tamén se están a manter contactos co Coro do IES A Xunqueira I para gravar unha canción en lingua de signos que podería empregarse en diversos foros, xa recibimos vídeos de tres centros educativos (San José, Cabanas e Campolongo) e mesmo asistimos na Praza do Teucro a unha actuación dos rapaces do colexio de San José co artista Nelson Quinteiro, autor do tema ‘Nun vou’”.

O edil de Benestar Social lembrou que o Concello de Pontevedra acaba de poñer en marcha o Programa Comunico, que promove a accesibilidade sensorial universal a través de accións como un Servizo de Interpretación e Mediación para a realización de trámites administrativos, a instalación de bucles magnéticos en edificios públicos, a dotación de intérpretes de lingua de signos para os plenos e os eventos organizados polo Goberno Local e a publicación da Guía de Atención Sociosanitaria. Esta última, creada co obxectivo de achegar ás persoas xordas, con perda auditiva e xordocegas e aos profesionais que traballan neste ámbito profesional recursos útiles para abordar situacións cotiás e coñecementos esenciais e básicos para atender a este colectivo, está a ser distribuída entre diversos colectivos e colexios profesionais de cara a normalizar a diversidade sensorial en tódolos eidos da sociedade.