Tino Fernández anuncia a reapertura das instalacións deportivas para nenos de categorías Prebenxamín e Biberón “ao longo desta semana”

167
  • A Concellería de Deportes comezará a poñerse en contacto cos clubs para comunicarlles que rapaces de calquera idade volverán poder adestrar e xogar nos equipamentos municipais

Trala súa decisión de implementar a quinta fase de desescalada do Protocolo de Uso das Instalacións Deportivas Municipais e de autorizar o seu uso por parte dos rapaces de categoría Benxamín, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, anunciou hoxe que esta reapertura será extensible tamén aos de categorías Prebenxamín e Biberón “ao longo desta semana”. Deste xeito, a Concellería que dirixe o edil socialista irase poñendo nestes días en contacto cos clubs da cidade para comunicarlles que as instalacións poderán ser empregadas para adestrar e xogar por nenas e nenos de tódolos grupos de idade.

Fernández volveu subliñar que “as condicións de adestramento e competición dos rapaces terán que adaptarse en todo caso ás restricións pautadas pola Xunta na normativa que substitúa ao estado de alarma” e lembrou que o Protocolo aprobado o 26 de xaneiro polo Concello permitiu que a reapertura dos terreos de xogo e instalacións se estea a producir de xeito progresivo e seguro. “Esta progresividade foi esencial para que o reinicio da actividade se desenvolvese cun estrito cumprimento da normativa, co obxectivo de compatibilizar o uso das instalacións coas medidas de loita contra a pandemia adoptadas polo Goberno do Estado e a Xunta. O Protocolo evitou que se producisen aglomeracións e outras situacións que puidesen poñer en risco aos usuarios e ao conxunto da poboación”, asegurou o tenente de alcalde.