O Concello inviste preto de 20.000 euros na compra de obra sobre Xela Arias nas librarías da cidade

57
  • A compra realizarase nas 19 librarías da cidade, cun investimento próximo aos 1.000 euros en cada unha, e os lotes de libros irán destinados a asociacións, entidades e centros educativos do Concello

A Concello de Pontevedra, ao igual que fixera o ano pasado, está a realizar a compra de libros sobre a autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Xela Arias, nas librarías da cidade. Unha iniciativa que se enmarca na liña de impulsar o comercio de proximidade e contribuír con cada acción a reafirmar o apoio e impulso ás librarías locais. 

Así, no seu labor de difusión e divulgación da obra da autora homenaxeada, desde a área de Normalización Lingüística que xestiona o concellerio Alberto Oubiña, procederase á compra de 1.740 exemplares de publicacións de distintas editoras galegas, tanto para público adulto como infantil e xuvenil e con formatos moi diversos, entre os que destacan a biografía e as compilacións poéticas. As publicacións serán destinadas, como vén sendo habitual, a todas as asociacións, entidades e centros escolares do Concello. Ademais, o Concello contratará cunha empresa local esta distribución, posto que o alcalde non realizará a habitual entrega de lotes debido á situación sanitaria.

A compra realizarase en 19 librarías, cun investimento de case 1000€ por libraría para mercar os seguintes títulos: ‘Os Bolechas. Colección Letras Galegas. Xela Arias’ (Bolanda), ‘Liberdade, solidariedade e amor pola lingua’ (Lela Edicións), ‘Darío a diario’ (Xerais), ‘Xela Arias, os territorios da liberdade’ (Xerais), ‘Non te amola!’ (Galaxia), ‘Xela quixo ser ela’ (Galaxia), ‘Xela Arias, poeta e tradutora’ (Ir Indo), ‘Xela Arias, palabra á intemperie’ (Baía Edicións), ‘Intempestiva, unha biografía (literaria)’ (Galaxia), ‘Poesía reunida’ (Xerais), ‘Intempériome’ (Xerais).