Os retablos, órgano e coro de Santa Clara permanecerán en Pontevedra

110
  • Igrexa e congregación das Clarisas deciden que o patrimonio moble do convento quede en depósito na súa ubicación orixinal por un período de catro anos. O Concello, pola súa banda, ocuparase da súa  correcta conservación  
  • O Vaticano xa autorizou a operación de compra-venda do convento, polo que os servizos municipais procederán a iniciar o expediente administrativo para facela efectiva

O concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, confirmou esta mañá que o Concello vén de pechar os últimos flocos que quedaban pendentes na negociación para a compra do convento de Santa Clara. Tal e como xa informara no seu momento, quedaba sobre a mesa o destino do patimonio moble e o posible traslado dun cemiterio ubicado na horta do convento.

Xaquín Moreda compareceu para explicar que, finalmente, os retablos, un púlpito, o órgano e as cadeiras do coro permanecerán no convento en réxime de depósito durante un período de catro anos. Esta cesión por parte da congregación das Clarisas implica que  o Concello se ocupará da correcta conservación destes bens. O concelleiro tamén explicou que unha vez finalizado o período de depósito, a Igrexa e a congregación das Clarisas deberán decidir se finalmente retiran este patrimonio da súa ubicación orixinal ou se llo venden ao Concello ou á entidade que xestione o inmoble. Cabe lembrar que, tanto o concelleiro como o alcalde, xa manifestaran a preferencia do goberno municipal de que ese patrimonio quede na cidade, ben sexa en depósito ou a través de compra.

Outro dos flocos que tamén quedaran sen resolver era o do enterramento situado na horta do convento. Sobre este punto, Xaquín Moreda informou que a parte vendedora decidiu retiralos e que, neste momento, se está ocupando da tramitación necesaria para proceder ao traslado.

Por último, Xaquín Moreda confirmou que desde o Vaticano xa se autorizou a operación de compra-venda do convento de Santa Clara, polo que desde os servizos municipais se procederá a iniciar o expediente administrativo para facela efectiva. Esta compra, tal e como anunciara o alcalde a semana pasada, inclúe o inmoble (edificacións, zonas verdes e muro perimetral) e está pechada por un importe de 3,2 millóns de euros.