Os talentos emerxentes do atletismo galego teñen unha cita inescusable en Pontevedra o sábado 22 de maio nos campionatos de clubs Sub 16 e Sub 20

29
  • As pistas do CGTD tamén acollerán o sábado 29 de maio o campionato autonómico en categoría Máster, con nomes como Pepín Rioseco, Esther Pedrosa e José Luis Otero Cepeda
  • Os mellores clubs de Galicia competirán en probas de 100, 200, 400, 800, 1.500 e 3.000 metros, obstáculos, altura, lonxitude, triplo salto, pértega, peso, disco, xavelina, martelo e marcha

Os talentos emerxentes do atletismo galego teñen unha cita inescusable en Pontevedra o sábado 22 de maio coa celebración da XXXVII edición dos campionatos autonómicos de Clubs en categorías Sub 16 e Sub 20. Ademais destas competicións, organizadas pola Federación Galega de Atletismo (FGA) en colaboración coa Concellería de Deportes, as pistas do Centro do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) tamén acollerán o sábado 29 de maio o campionato autónomo Máster, con nomes como o recordman mundial de 800 metros en categoría M80 Pepín Rioseco e os medallistas Esher Pedrosa e José Luis Otero Cepeda.

Ámbolos certames atléticos foron presentados esta mañá na Sala de Prensa do CGTD nun acto no que participaron Tino Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes; Isidoro Hornillos, presidente da FGA; David Ferrer, delegado da FGA en Pontevedra, e Santi Ferrer, en representación da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta. As probas do Campionato Galego Sub 20 desenvolveranse en horario de mañá, desde as 9:30 horas, e as do Galego Sub 16 en horario de tarde, a partir das 16:15 horas, agardándose a participación duns 300 deportistas dos nosos mellores clubs en cada categoría (ao igual que no Máster).

Tal e como salientou Isidoro Hornillos, “trátase duns campionatos moi importantes dentro da oferta anual da Federación Galega”, nunhas “pistas emblemáticas” e nunha cidade “que aposta polo deporte”. O presidente da FGA agradeceu a implicación da Xunta, o Concello e a Sociedade Ximnástica para facer posible a celebración duns campionatos “que serán un éxito”, e subliñou o privilexio de poder contar no certame Máster co atleta “que aparece no cartel do evento, Pepín Rioseco, récord do mundo en M80 cunha marca de 2:41 en 800 metros e un motivo de esperanza para a nosa especie”. 

Tino Fernández asegurou que a organización destes campionatos é un síntoma de que “pouco a pouco imos recuperando a normalidade e o pulso habitual do deporte en Pontevedra”, neste caso recibindo ao “futuro e presente do atletismo galego e español”. “É un orgullo que a Federación conte coa nosa capacidade organizativa para facer estes eventos, que significan activación económica e visibilización deportiva da cidade. Estamos todos no mesmo barco, remando na mesma dirección, e moi satisfeitos de poder albergar estes campionatos durante dúas fins de semanas consecutivas”, afirmou o tenente de alcalde.

David Ferrer indicou que, a falta de pechar as inscricións (os atletas deben clasificarse en base a un estadillo de marcas), “contaremos cos oito mellores clubs galegos e arredor de 300 participantes masculinos e femininos en cada categoría”, con nomes propios como os da lucense Lucía Sánchez del Valle, mentres que Santi Ferrer apuntou que “é un pracer ceder as instalacións do CGTD, contar coa colaboración do Concello e que a Federación Galega confíe nas prestacións destas pistas para os campionatos”.

O programa de probas

O programa masculino de probas do Campionato Galego de Clubs Sub 20, aberto a atletas que teñan licenza das categorías Sub 18 e Sub 20 na tempada 2021, inclúe as carreiras de 100, 200, 400, 800, 1.500 e 3.000 metros, 110 e 400 metros valos e 2.000 obstáculos; salto de altura; salto de lonxitude; triplo salto; pértega; peso (6 kg.); disco (1,750 kg.); xavelina (800 gr.); martelo (6 kg.), e 5.000, 4×100 e 4×400 metros marcha. No feminino haberá carreiras de 100, 200, 400, 800, 1.500 e 3.000 metros, 100 e 400 valos e 2.000 obstáculos (0,762); salto de lonxitude; triplo salto; salto de altura; pértega; peso (4 kg.); disco (1 kg.); xavelina (600 gr.); martelo (4 kg.), e 5.000, 4×100 e 4×400 metros marcha.

As probas a disputar no Campionato Galego de Clubs Sub 16 en categoría masculina abranguen as carreiras de 100, 300, 600, 1.000 e 3.000 metros, 100 (0,91) e 300 (0,84) metros valos e 1.500 metros obstáculos (0,762); salto de altura; salto de lonxitude; triplo salto; pértega; peso (4 kg.); disco (1 kg.); xavelina (600 gr.); martelo (4 kg.), e 5.000, 4×100 e 4×300 metros marcha. O programa feminino Sub 16 terá competicións de 100, 300, 600, 1.000 e 3.000 metros, 100 (0,762) e 300 (0.762) metros valos e 1.500 metros obstáculos; salto de altura; salto de lonxitude; triplo salto; pértega; peso (3 kg.); disco (800 gr.); xavelina (500 gr.); martelo (3 kg.), e 3.000, 4×100 e 4×300 metros marcha.

Cada club estará representado por un/unha atleta en cada proba, e cada atleta poderá participar en 2 probas individuais ou 1 proba individual e un relevo ou dous relevos. Por acordo da Comisión de Clubs, non se permitirá a participación de ningún club nin atleta fóra de concurso. 

O equipo que obteña o maior número de puntos proclamarase Campión de Galicia. En caso de empate analizarase os primeiros postos conseguidos para establecer o campión e, de persistir o empate, serán analizados os segundos postos. Se un club non completa 14 probas quedará excluído da clasificación final e para que un equipo poida tomar parte deberá cubrir un mínimo de 14 probas. 

O aforo de ámbalas competicións será controlado e limitado e tódolos participantes deberán cumprir o protocolo Covid-19 establecido pola FGA, así coma as indicacións do responsable da Federación. Isidoro Hornillos precisou que, ao contrario do que acontece noutros deportes como o fútbol, “non existen aínda opcións de deixar pasar ao público”.