A escena musical de Pontevedra mobilízase no certame de homenaxe a Xela Arias

90
  • Quince bandas pontevedresas participaron no Certame `X Xela’ musicando poemas da escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano
  • O 17 de maio ás 19h na praza da Ferraría terá lugar o evento poético-musical no que se anunciará a banda gañadora
  • As tres bandas finalistas, Tíbet 1990, Nacho Mora e Río Verdugo, intercalarán as súas actuacións cun recital a cargo das poetas Tamara Andrés, Miriam Ferradáns, Regina Touceda e Elvira Ribeiro

Pontevedra homenaxeará a Xela Arias cun gran evento poético-musical que terá lugar o luns 17 de maio ás 19h na praza da Ferraría e no que se anunciará a banda gañadora do certame musical ‘X Xela’ convocado pola Concellaría de Normalización Lingüística, e no que participaron un total de 15 formacións e músicos en solitario (en caso de choiva, o evento trasladarase ao Teatro Principal). O concelleiro desta área, Alberto Oubiña vén de presentar o cartaz do evento que está conformado, na parte poética, polas poetas Tamara Andrés, Miriam Ferradáns, Regina Touceda e Elvira Ribeiro, e na parte musical polas tres bandas finalistas do certame, Tíbet 1990, Nacho Mora e Río Verdugo. O acto estará presentado polas regueifeiras Alba María e Lupe Blanco e terá cabida limitada atendendo á situación sanitaria. Alberto Oubiña asegurou que non será necesario inscribirse pero para aquelas persoas que desexen facelo, habilitouse un formulario de inscrición na web apuntate.pontevedra.gal.

O evento busca, en palabras do concelleiro “poñer en valor e dar a coñecer a obra de Xela Arias, e amosar tanto o amplo talento musical que ten a cidade de Pontevedra como que a música en galego abre portas”. Neste sentido, asegurou que “estamos exultantes”, en relación ao alto número de bandas que participaron na convocatoria, e indicou que “todas as propostas que nos chegaron amosan que a implicación da mocidade evidencia, alén das estatísticas, que existe un interese crecente pola lingua, que existe unha xeración que está disposta a derrubar os muros e os reparos e a sumarse ao uso do galego, e que o rexeitamento ao galego é unha cuestión do pasado e que está superada”.

“A escena musical de Pontevedra ‘lo peta”

“Tamén estamos exultantes porque a escena musical de Pontevedra ‘lo peta” insistiu Alberto Oubiña, engadindo que “sempre que se lle fai unha proposta sempre responde” e que “existe un desborde de creatividade que nos pon na picotoa e isto visualízase no número de bandas que participaron no certame e coa calidade coa que o fixeron”. Neste contexto, puxo o acento en que “isto está pasando aquí, en Pontevedra, non en Nueva York nin en Estocolmo nin noutro lugar do mundo, e é un verdadeiro orgullo ver o talento musical que ten esta cidade”.

Asegurou que o número de bandas que se presentaron “rebentou todas as expectativas que tiñamos e ademais é unha pasada descubrir que Xela esperta tanto interese nos creadores e creadoras pontevedresas e en tan diferentes estilos, desde canción de autoría a pop, pasando polo rock, ska, folk, ou electrónica”. Dos 15 poemas musicados polas bandas participantes, un xurado composto por persoas do ámbito musical, escolleu as tres bandas finalistas. O xurado estivo formado por Cora Velasco, intérprete e compositora; Marcos Rivas, programador musical da Sala karma; Patricia Hermida, manager de artistas como Heredeiros da Crus ou Agoraphobia; Marcos Rodríguez, xestor do Local de Música de Pontevedra e Teresa Cuíñas, xornalista musical.

Do poema “Indecisión” musicado por Tibet 1990, o xurado salientou “a frescura do seu bedroom pop, o grao de sofisticación que consegue desde a sinxeleza e, as súas posibilidades de conectar cos gustos de certo público mozo que tanto apreza os “faino-ti-mesmo”. Esta proba prometedora de talento xuvenil podería anticipar unha senda artística interesante”

Sobre o poema “Soldados” musicado por Nacho Mora, o xurado indica que “reinterpreta con éxito as posibilidades expresivas do poema para construír con laboriosidade unha canción redonda coas ferramentas sonoras do pop electrónico e reminiscencias post-punk”. 

Do poema “Vide” musicado por Río Verdugo, o xurado recolle que “é unha canción de feitura épica e ton elexíaco en que soan ecos de Voces Ceibes e de Nick Cave, con protagonismo repartido con equidade entre a instrumentación poderosa e cuase orquestral e unha voz con carácter”.

Bandas participantes e poemas que musicaron:

  1. Alba Hermida: “Mata-lo tempo”
  2. Aroma: “Día mortal”
  3. Bubela “Impériome”
  4. Jacobo Sainz: “Unha copa, un fresco, o cine”
  5. Javier Lago: “Meu amor contra ti”
  6. Javier Waterproof “E despois de tantas”
  7. Kendrah: “Cheo de fume”
  8. Marcon Band: “Unha copa, un fresco, o cine”
  9. Nacho Mora: “Soldados”
  10. Noelia Solleiro: “Tigres coma cabalos”
  11. Noite e Manu: “Trouxen augamel”
  12. Pandereiteiras: “Acompáñame”
  13. Raíñas: “Marcho que teño que marchar”
  14. Río Verdugo: “Vide”
  15. Tíbet 1990: “Indecisión”