O Concello incorpora 14,6 millóns para financiar 52 proxectos neste 2021

73

Sitúa o orzamento en 112 millóns e permitirá asumir a compra de Santa Clara, a primeira fase da reforma de Barcelos, obras de accesibilidade en Monte Porreiro, reformas en infraestruturas deportivas, melloras en zonas verdes e parques infantís, eficiencia enerxética no rural, mellora da accesibilidade nas parroquias ou a primeira fase da reforma da Casa Consistorial.

O Concello de Pontevedra levará ao vindeiro pleno do mes de maio a primeira modificación de crédito do Orzamento de 2021 de 14.689.440,96 euros, que elevará as contas públicas do presente ano aos 112 millóns de euros. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o tenente de alcalde, Tino Fernández explicaron que se trata da segunda fase do orzamento comprometida no mes de marzo e que permitirá financiar 52 proxectos de distintos ámbitos: obra pública, Benestar social, parques e xardíns, deportes, ou a compra do Convento de Santa Clara, entre outras.

O alcalde explicou que xunto aos 83 millóns de euros xa aprobados e as incorporacións de crédito inmediatas que se fixeron no mes de marzo, o orzamento situouse en 97 millóns, os que se sumarán a partir da aprobación da modificación de crédito 14,6 millóns máis os convenios con outras administracións, que fixarán as contas en 112 millóns.

Incorporando os 58 millóns procedentes do novo contrato do ciclo da auga, o capítulo de investimento se sitúa nos 100 millóns de euros.

Lembrou que este orzamento “é a clave de bóveda para facer fronte á crise sanitaria, e o Concello decidiu romper o peto”. Por iso, emprega todo o remanente de tesourería para xerar emprego, reactivar a economía, atender ás capas máis febles do concello… creando, arredor de 2.100 postos de traballo.

O alcalde destacou que esta modificación de crédito caracterízase por “un equilibrio territorial”, xa que haberá investimentos en todos os barrios, parroquias e tamén no centro. “Nunca se fixo un volume de investimento semellante en Pontevedra”.

O tenente de alcalde, Tino Fernández  destacou que estas contas son froito un goberno estable “á altura das circunstancias e na defensa dos intereses de todos e de todas”. Tamén adiantou que “tócanos cumprir coa previsión do gasto e estaremos na xestión non en pelexas ridículas e patéticas”.

A modificación de crédito

Das 52 actuacións incorporadas nesta modificación de crédito do orzamento destacan:

  • Compra de Santa Clara:  3,2 millóns
  • Primeira fase da reforma de Barcelos (perimetrais): 1.128.067,97 € 
  • Accesibilidade e centralidades parroquais: 2 millóns de euros
  • Accesibilidade urbana coas reformas de Loureiro Crespo e do barrio de Monte Porreiro (rúas Portugal, Grecia e Bélxica)
  • Parques e zonas verdes: 1,6 millóns de euros
  • Instalacións deportivas: 1,6 millóns
  • Primeira fase da Casa Consistorial: 300.000 euros
  • Eficiencia enerxética nas parroquias: 1 millón de euros.