Os talleres de O Ganapán ofertan ración tripla de diversión para a ponte das Letras Galegas

30
  • Os obradoiros organizados pola Concellería de Promoción Económica no Mercado de Abastos celebraranse, ademais do sábado 15 e o domingo 16, tamén o luns 17 de maio
  • Entre as actividades inclúense talleres de elaboración de petit suisse, biscoito de quefir e tellas de améndoa, así como un de ilustración de composicións poéticas de Xela Arias

Os pequenos de Pontevedra prepáranse para unha fin de semana longa, con máis tempo libre para desfrutar, e a Concellería de Promoción Económica e Turismo decidiu ampliar os seus talleres de O Ganapán para ofertarlles ración tripla de diversión durante a ponte das Letras Galegas. Os obradoiros de lecer infantil do Mercado de Abastos, destinados a nenos e nenas de 4 a 10 anos, amplíanse unha xornada máis, celebrándose, ademais do sábado 15 e o domingo 16, tamén o luns 17 de maio, desenvolvendo actividades de homenaxe á autora Xela Arias.

Como en anteriores ocasións, a reserva de prazas poderá realizarse a través do correo electrónico oganapan@gmail.com, pechándose as inscricións ás 16:00 horas do día anterior á súa celebración e dándose prioridade a aqueles rapaces que non teñan participado nos talleres con anterioridade. En tódalas xornadas haberá dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, con divertidísimas propostas tanto para o Espazo Gastro como para o Espazo Crea.

Segundo avanza a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “aproveitando a chegada da tempada de amorodos, o sábado 15, os pequenos elaborarán uns riquísimos petit suisse 100% naturais, e irán de paseo polo pasado cun obradoiro de creación de dinosauros do Xurásico”. “No Ganapán encántanos viaxar, coñecer outras culturas e degustar a súa gastronomía, polo que o domingo 16 de maio, os nenos e nenas descubrirán os sabores de Oriente Medio e farán a súa propia versión dunha das súas sobremesas máis populares, un biscoito de quefir, mentres que no Espazo Crea terán a oportunidade de realizar unha quenlla randeeira. Na xornada das Letras Galegas -indica a edil do PSOE- lembraremos a procedencia da escritora homenaxeada este ano cun taller de elaboración de tellas de améndoa, unha sobremesa típica lucense, provincia na que vivía Xela Arias; e outro de ilustración de composicións poéticas da autora, achegando á cativada aos seus versos de forma ocorrente e xoguetona e amosando que a poesía pode ser divertida”.

Blanco recomenda a tódolos rapaces asistentes que non esquezan levar a súa friameira “para poder facerlles probar aos seus pais na casa as receitas cociñadas no Mercado de Abastos”.