Deportes dotará este ano á cidade de dous parques de calistenia e actividade física saudable na Illa das Esculturas e no barrio de Mollabao

205
  • Tino Fernández anuncia un investimento de máis de 145.000 euros na dotación destes equipamentos deportivos ao aire libre, que permitirán facer exercicios de calistenia, forza dirixida e cardio
  • Instalaranse estruturas con peso tipo ‘kettlebell’, elementos de suspensión tipo TRX, bicicletas estáticas e elípticas con pantalla táctil, cordas para trepa e estacións de dominadas

Pontevedra contará este ano con dous novos parques de actividade física saudable, que permitirán practicar exercicios de calistenia, parkour, workstreet, HIIT (High Intensity Interval Training), cross training, bootcamp, traballo de forza xeral e específica, mobilidade articular e cardio. A Concellería de Deportes destinará unha achega de 145.663,43 euros á creación destes equipamentos deportivos, que serán instalados no contorno da Illa das Esculturas, á altura da pasarela peonil, e no barrio de Mollabao.

O departamento que dirixe o socialista Tino Fernández pretende iniciar así “un proceso de dinamización da actividade física de calidade ao aire libre, complementando os tipos de exercicio que se poden facer actualmente: aeróbicos, de menor ou maior intensidade, con aqueles de mantemento e incremento da forza xeral e específica dos grandes grupos musculares”. “O noso municipio conta con innumerables espazos naturais e urbanos que, polas súas propias características e polo deseño da cidade, son especialmente propicios para promover hábitos de vida saudables. E se algo tivo de positivo esta pandemia -sostén o tenente de alcalde de Pontevedra- foi a posta en valor destes espazos como fonte de saúde e de actividade de lecer”.

O obxectivo é pois instalar equipamento especializado para desenvolver actividade física ao aire libre que combine traballos funcionais de forza co propio corpo (tradicionalmente coñecidos como traballos calisténicos) con exercicios de forza dirixida por elementos deseñados para grandes grupos musculares, así como de outros complementarios de uso individual como gomas elásticas, tirantes musculares, cintas de adestramento en suspensión, cordas, sacos de boxeo… Os aparellos e materiais a instalar deber cumprir a norma UNE-EN 16630:2015, relativa a ‘Equipos fixos de adestramento físico instalados ao aire libre. Requisitos de seguridade e métodos de ensaio’. Ademais, debido á súa especificidade, recoméndase o cumprimento da norma ASTM F3101. 

Segundo avanza Tino Fernández, os novos parques tamén estarán deseñados “para unha práctica deportiva inclusiva, posibilitando o seu uso por persoas con mobilidade reducida”, localizándose en dúas zonas da cidade nas que poderán “complementar as actividades aeróbicas que tradicionalmente se realizan en contornos como o paseo fluvial, a Illa das Esculturas, o paseo da P0-12 ou a Xunqueira de Alba, como camiñar, pasear, correr e patinar”. O deseño dos espazos contemplará dúas áreas diferenciadas, unha dedicada a traballos de mellora e incremento da forza e outra para aeróbicos, con elementos como bicicletas estáticas ou elípticas.

Para tódalas idades

O equipamento previsto terá un marcado carácter polivalente, tanto polo tipo de actividade física a desenvolver como no que atinxe aos rangos de idade, abranguendo as necesidades da xente moza, apaixonada por modalidades tan de moda como a calistenia, o parkour, o workstreet, o adestramento interválico de alta intensidade, o cross training ou o bootcamp, como as dos nosos maiores, que buscan mellorar a súa calidade de vida con traballo de forza xeral e específica e mobilidade articular.

Tal e como subliña Tino Fernández, “para esta primeira acción do plan de dinamización da actividade física ao aire libre instalaranse dous parques estratexicamente situados en dúas das zonas máis utilizadas pola cidadanía de Pontevedra para as súas actividades físicas, deportivas, de lecer e tempo libre, destinándose unha superficie de entre 225 e 300 metros cadrados para o parque da Illa das Esculturas e prevemos que de entre 100 e 150 metros cadrados para o de Mollabao”. 

Así, en base á memoria valorada redactada polo director do Servizo Municipal de Deportes, Jaime Agulló, os equipamentos que se consideran óptimos para o parque proxectado na Illa das Esculturas serían os seguintes:

  • A zona dedicada aos traballos de forza mediante sistemas funcionais e/ou calisténicos, estará composto alomenos polas seguintes unidades e estruturas: 
  1. Estrutura con pesos do tipo ‘kettlebell’ que, dun xeito seguro, tanto para o practicante como para o mantemento da instalación, garantan a súa durabilidade. Deberán estar fixas á estrutura e dispoñer dun sistema magnético que evite e free/desacelere a súa caída. 
  2. Estrutura con elementos de suspensión (tipo TRX) fabricados en poliuretano elastómero plástico, que deberán ofrecer a posibilidade de traballo en tres ou máis alturas diferentes. 
  3. Elemento con cordas para trepa e realización de diversos exercicios. As cordas estarán feitas de PA (poliamida) estabilizada aos raios UV, con reforzo interno de cable de aceiro. 
  4. Estruturas para desenvolvemento de traballos calisténicos composta de: estación de dominadas con escaleira vertical (para facilitar o seu uso por unha maioría da poboación, as barras de dominadas terán un diámetro entre 30 e 35 mm); estación para traballo de presa inclinada equipada con barras laterais que ofreza diferentes alturas e posicións para as mans e os pes e unha barra superior para traballos en suspensión; escaleira horizontal superior con estruturas que faciliten o acceso a actividade aérea (tipo chanzos ou steps); parede de rede para o traballo de escalada en corda de aceiro reforzado cunha barra superior ríxida; estación de flexións con distintas alturas; banco de abdominais con asideiros; barras baixas paralelas con arcos transversais de diferentes alturas;  barras paralelas de media altura; estrutura múltiple formada por un mínimo de catro pórticos unidos entre si por barras lonxitudinais, provista de barra de dominadas e postos verticais provistos de diversos tipos de ancoraxe para elementos deportivos (cintas elásticas, tirantes musculares, pesas, sacos…). A estrutura estará deseñada de tal xeito que, a lo menos, permita o traballo simultáneo de 8 persoas. 
  • O espazo para traballos aeróbicos estará formado por:
  1. Dúas bicicletas estáticas con cadeira de caucho de poliuretano axustable en alomenos dez alturas, para garantir o uso con parámetros biomecánicos normais de persoas con alturas entre 1,50 e e 2,05 metros. A mecánica e electrónica do equipamento deberá posibilitar a regulación da resistencia mediante a pantalla e/ou aplicación en dez niveis. Contarán cunha pantalla táctil LCD de 7” que proporcionará información de tempo, velocidade, cadencia, distancia, vatios e calorías. Estarán rematadas con material moi resistente a impactos, axentes sólidos e auga e actos vandálicos. O manillar posibilitará diferentes posturas e estilos de condución e deberán permitir a conexión vía bluetooth con calquera dispositivo para proporcionar información instantánea dos datos que aparecen na pantalla e regular a resistencia.
  2. Unha bicicleta elíptica con reposapés, mecánica e electrónica que permitirá a regulación da resistencia mediante a pantalla e/ou aplicación, pantalla táctil LCD de 7” que proporcione información de tempo, velocidade, cadencia, distancia, vatios e calorías, e como no caso das bicis, posibilidade de conexión vía bluetooth con calquera dispositivo.

O concelleiro de Deportes considera que este equipamento mediante bluetooth e aplicación específica “supón un elemento de control e supervisión, xa que debe permitir non só ver os datos, senón tamén almacenalos, ao tempo que se converte tamén nun elemento dinamizador e motivador, posibilitando compartir os datos da actividade en liña”.

Placas indicativas e códigos QR de acceso a unha aplicación

Tino Fernández afirma que “tódolos elementos deberán contar cunha placa indicativa das actividades/exercicios que se poden desenvolver, os grupos musculares que se traballan, complementada, ou nalgún caso substituída, por un código QR que dé acceso a unha aplicación personalizada que detalle os posibles exercicios, de distintos niveis de dificultade, a desenvolver en cada un dos equipamentos, vídeos demostrativos, un mapa con localización de equipamentos semellantes, información complementaria, plans de adestramento e calquera outra función que engada valor engadido ás persoas usuarias”. “Ademais, instalarase un panel indicativo do conxunto, onde se reflictan as normas xerais de utilización do parque, así como a imaxe corporativa do Concello e un código QR que dé acceso á antedita aplicación informática (APP)”, asegura o edil socialista.

O parque deportivo previsto para o barrio de Mollabao disporía de dúas zonas diferenciadas, unha para un público máis xeral na que se desenvolvan traballos de fortalecemento, mobilidade articular e mellora aeróbica, e outra que, aínda que pode ser utilizada por este mesmo público, estará máis orientada á xente moza, con elementos para a práctica de parkour, calistenia ou workstreet:

  • Zona de actividade física saudable con: 
  1. Unha estación para o traballo aeróbico e de fortalecemento xeral dos brazos (pedais de man), deseñada de tal xeito que se poida usar tanto sentado e de pé como por persoas con mobilidade reducida en cadeira de rodas. 
  2. Unha estación para o traballo de fortalecemento dos músculos do peito e dos brazos (banco pectoral), que será dobre para habilitar o traballo de persoas con mobilidade reducida en cadeira de rodas. 
  3. Unha estación para traballo de mobilidade dos ombros e forza xeral da musculatura do tronco, mediante unha roda que xira a dereita e esquerda. 
  4. Unha estación dobre para o traballo de flexibilidade do tronco e a forza xeral da musculatura do tronco, mediante unha plataforma xiratoria, e o traballo en elevación mediante unha barra elevada.
  5. Unha estación conxunta que reúna unha bicicleta elíptica, un corredor aéreo e unha bicicleta estática de resistencia fixa para unha definición persoal da intensidade da actividade. O deseño ergonómico debe ser tal que posibilite o uso maioritario en función das características físicas persoais. 
  6. Una plataforma de equilibrio para mellora cognitiva, da coordinación e do equilibrio corporal. 
  • A zona para actividade física e deportiva ao aire libre (workout) posibilitará a actividade simultánea dunhas vinte persoas e estará composta por:
  1. Estación de dominadas con escaleira vertical.
  2. Estación para traballo de presa inclinada equipada con barras laterais que ofreza diferentes alturas e posicións para as mans e os pés e cunha barra superior para desenvolvemento de traballos en suspensión.
  3. Escaleira horizontal superior.
  4. Parede de rede para o traballo de escalada en corda de aceiro reforzado cunha barra superior ríxida. 
  5. Estación de flexións con distintas alturas.
  6. Banco de abdominais. Deberá contar con asideiros que faciliten o traballo e multipliquen as posibilidades de uso e exercicios.
  7. Barras baixas paralelas con arcos transversais de diferentes alturas.
  8. Barras paralelas de media altura.

Tino Fernández salienta o feito de que, unha vez se poidan tramitar estes proxectos, incluídos na última modificación de crédito realizada polo Concello, “o prazo de execución previsto desde o inicio das obras é dun mes”. “Asemade, cada unha das partes que compoñan o equipamento deberá ter unha garantía de fábrica dun mínimo de dez anos”, engade o concelleiro do PSOE.