O Concello entrega de material da Ordenanza de mobilidade para as prácticas en bicicleta dos estudantes do Sánchez Cantón

37

O alcalde achegouse esta mañá ao instituto para agradecer ao departamento de Educación Física que empreguen a ordenanza como material na formación dos seus alumnos e alumnas.

Arredor de 300 estudantes participan nesta iniciativa do centro que consiste en clases teóricas e prácticas en bicicleta pola cidade e por outras zonas como Illa do Cobo ou Xunqueira da Gándara.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores acudiu esta mañá ao Instituto Sánchez Cantón para agradecerlle a súa implicación na divulgación da nova Ordenanza de mobilidade amábel de Pontevedra a través das clases teóricas e prácticas de Educación física, na que participan arredor de 300 estudantes. O Concello entregou merchandising (chalecos, mochilas e reflectores) da campaña SUMA de divulgación da ordenanza para que o empreguen nas súas saídas en bicicleta pola cidade.

O departamento de Educación Física do instituto, a través da profesora Maribel Gutiérrez, promotora da actividade, imparte clases de mantemento de bicicletas e circulación entre os seus alumnos de segundo e terceiro da ESO, que rematan con saídas dende o instituto cara a Illa do Cobo e a Xunqueira da Gándara, aplicando a regulación de bicicletas incluída no Código de circulación e na Ordenanza de mobilidade.

O alcalde que estivo acompañado da portavoz do Goberno, Anabel Gulías, e da concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, agradeceu “a todo o equipo que dirixe a profesora Maribel, que está a facer unha campaña de formación que inclúe explicar na práctica a ordenanza de mobilidade amable que ten aprobado o Concello”.

Fernández Lores destacou que se trata de “algo excepcional e exquisito. Levar á práctica a ordenanza con alumnos, que cada vez son máis usuarios da bicicleta, e coñecer a cidade en profundidade, é de agradecer especialmente”.

Maribel Gutiérrez, profesora impulsora do proxecto destacou que todos os alumnos están “moi contentos” con estas prácticas.