Pinto e Maragota convídanos a reflexionar acerca da diversidade sexual e de xénero nas aulas nun novo congreso que se celebrará o 29 de maio

24
  • A terceira edición da xornada formativa impulsada pola Concellería de Igualdade incluirá relatorios sobre o impacto da Lei Trans e a análise de casos de éxito na abordaxe da realidade LGTBIQA+
  • O evento, que terá lugar no Pazo da Cultura, contará cun encontro lector con María Reimóndez e Nee Barros, a proxección do documental Persoas S.A. e un espectáculo de fusión drag-folk

A Concellería de Igualdade convídanos un ano máis a reflexionar sobre a diversidade sexual e de xénero no eido educativo coa organización da terceira edición do congreso de Pinto e Maragota, que se celebrará o sábado 29 de maio no Salón de Actos do Pazo da Cultura. A xornada formativa, que nos anos anteriores tivo lugar no mes de xaneiro, pero que en 2021 se trasladou a maio por mor da pandemia da Covid-19, desenvolverase coas limitacións de aforo fixadas pola situación sanitaria existente, agardando que se poida dispoñer dunhas 40 prazas.

As inscricións no evento poderán realizarse mediante a dirección de correo electrónico info@pintoemaragota.gal, mentres que a matriculación de docentes en activo efectuarase a través do Centro de Formación e Recursos (CFR) co código P2002204 (tanto o CFR como o Centro de Información á Muller colaboran difundindo e certificando a asistencia). O III congreso ‘A Diversidade Sexual e de Xénero nas Aulas. Materia Pendente?’ iniciarase ás 10:00 horas cunha presentación da concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, na que a socialista incidirá sobre a importancia e a necesidade de educar na diversidade.

A continuación o asesor xurídico da Asociación de Familias de Menores Trans Arelas, Miguel Vieito, falará sobre o posible impacto a Lei Trans no eido educativo, mentres que arredor das 11:30 horas a sexóloga Martina González Veiga desenvolverá unha charla titulada ‘Do que non se fala, pero existe: consecuencias psicosexuais’. 

Para as 12:45 horas está prevista unha mesa redonda na que, baixo o título ‘Experiencias Trans-Formadoras’, se exporán os casos de éxito do tratamento da realidade LGTBIQA+ no IES Johan Carballeira de Bueu e o CEIP Plurilingüe de Tirán (Moaña). O programa da xornada de formación seguirá xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, coa celebración dun encontro lector coas escritoras María Reimóndez, gañadora da I edición do Premio Literario Pinto e Maragota coa obra Cobiza (Editorial Xerais), e Nee Barros, autor da obra Identidade (Editorial Galaxia).

En torno ás 17.15 horas proxectarase o documental Persoas S.A., centrado no mundo rural e que aborda os logros acadados polo colectivo LGTBI en Galicia e os seus deberes pendentes, abríndose ao final do mesmo unha conversa coa súa directora, Carme PG Granxeiro. Un espectáculo de fusión drag-folk protagonizado pola drag pandereteira Meiga-i, que someterá ao público a un exame sobre diversidade a través do folclore.

Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia

Yoya Blanco subliña a importancia de que “nun contexto no que os descursos de odio tentan poñer en perigo os dereitos esenciais acadados polo colectivo LGTBI durante anos de loita, resulta máis importante que nunca fortalecer os programas pola diversidade sexual e de xénero como Pinto e Maragota e impulsar congresos como o que se celebrará en Pontevedra o sábado 29 de maio, axudando a educar en diversidade, fomentar a empatía e rachar cos prexuízos”. A concelleira de Igualdade lembra que “ademais das Letras Galegas, este luns 17 de maio celébrase en todo o mundo o Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia (LGTBIfobia), no que se conmemora a eliminación da homosexualidade do listado de enfermidades mentais por parte da Asemblea Xeral da Organización Mundial da Sáude (OMS) o 17 de maio de 1990”. “Aínda nos quedan moitas fobias por eliminar e borrar das mentes reaccionarias, pero a semente da igualdade, a liberdade e a diversidade dará un froito irreversible”, asegura a socialista.