Volve o Galegote Rock con 15 concertos e dous escenarios
216
GALEGOTE 2021
Terá lugar os días 28, 29 e 30 de maio en dous espazos acoutados: nas escaleiras que baixan do parque das Palmeiras cara a Raíña Vitoria e no palco da música na Alameda
O Concello aposta pola recuperación da música ao vivo a través de formatos adaptados á situación sanitaria, e apostando pola cultura do país
A Concellaría de Normalización Lingüística recupera o festival de música en galego Galegote Rock, tras o adiamento da pasada edición por mor da irrupción da pandemia. O cartaz, que foi presentado esta mañá polo concelleiro Alberto Oubiña e polo programador Marcos Rivas, recupera ao redor do 80% das bandas programadas para o ano pasado. O festival terá lugar durante tres días (28, 29 e 30 de maio), durante os que se programan 15 concertos en dous espazos que estarán acoutados e contemplarán as medidas sanitarias esixidas: as escaleiras que baixan do parque das Palmeiras cara a Raíña Vitoria e o palco da música na Alameda.
Segundo informou Alberto Oubiña, a recuperación do Galegote Rock únese ao concerto de Ortiga programado para o domingo 23 de maio ás 13h na praza da Ferraría, no marco da iniciativa Cabos Soltos, e co que se dá o pistoletazo de saída á que será a recuperación da música ao vivo na cidade. “Desde o Concello de Pontevedra temos un compromiso claro coa cultura do país e queremos botar unha man con esta situación” salientou Oubiña, quen engadiu que co Galegote Rock “queremos amosar que é o que somos como nación, unha potencia en moitos aspectos pero no ámbito da música, xa non é só que abra portas, é que a nosa música abre os mares, porque é capaz de unir diferentes xeracións, s estilos musicais, inquedanzas, propostas e todas elas baixo a paraugas da lingua”.
O Galegote Rock sitúase, ademais, como peche do mes de maio, entendido como o mes dedicado ás letras galegas. Neste sentido, o concelleiro de Normalización Lingüística lembrou que, durante o que resta de mes, se poderá visitar a exposición ‘Cantámola en galego’ situada na praza de Ourense e que permite facer un percorrido pola música que marcou as dúas primeiras décadas do século XXI.
Pola súa banda, Marcos Rivas fixo fincapé na gran calidade da música actual en galego asegurando que “neste momento, en Galiza está habendo moitísimo nivel” e conminou “ao resto de festivais” a apostar por bandas galegas “sen traer tantas de fóra”. Neste sentido, lembrou que a situación sanitaria é unha oportunidade para amosar a música que se fai en contornas máis próximas e apostar pola cultura propia.
Sobre o cartaz do Galegote Rock, salientou a variedade de estilos que se introducen nesta edición, mantendo o rock como base pero introducindo propostas de rap ou mesturas de estilos como cumbia e salsa (como o caso de Los Rastreadores, colaboración de Ortiga con Grande Amore), ou espectáculos que introducen elementos visuais con imaxes e luces (como Laura Lamontagne & Pico Amperio).
Programa:
Venres 28:
19h: Su Garrido Pombo. Escaleiras das Palmeiras
20h: TNT Band. Palco da Alameda
21h: Moucho. Escaleiras das Palmeiras
22h: Monoulious Dop. Palco da Alameda
Sábado 29
13h: Arturo Delgado. Escaleiras das Palmeiras
14h: Peña. Palco da Alameda
19h: Zeltia Irevire. Palco da Alameda
20h: Noiteaka+2Pasos. Escaleiras das Palmeiras
21h: O cadelo lunático. Palco da Alameda
22h: Lume. Escaleiras das Palmeiras
Domingo 30.
13h: Pauliña. Palco da Alameda
14h: A Rabela. Escaleiras das Palmeiras
19:30h: Desjobernaos. Escaleiras das Palmeiras
20:30h Los Rastreadores. Palco da Alameda
22h: Laura Lamontagne & Pico Amperio. Escaleiras das Palmeiras