#PonteLovers e APE volven unir forzas para potenciar as vendas online no comercio local

26
  • A Asociación de Autónomos porá en marcha o 27 de maio, en colaboración coa Concellería de Promoción Económica, uns talleres en liña sobre comercio en Internet e uso de redes
  • As xornadas formativas complementaranse cun servizo de consultoría personalizada entre os negocios que queiran sumarse ao marketplace municipal E-Ponte.com

Potenciar as vendas online e o uso das ferramentas que nos ofrecen as redes sociais para ampliar o espectro de clientes no comercio local son algúns dos obxectivos das xornadas formativas en liña que a Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE) e a Concellería de Promoción Económica e Turismo, a través da plataforma #PonteLovers, porán en marcha o vindeiro 27 de maio. Os cursos virtuais, que se desenvolverán durante o mes de xuño en horario de tarde (tódolos martes e xoves entre 15:00 e 17:00 horas), complementaranse cun servizo de consultoría personalizada entre aqueles negocios que desexen sumarse ao marketplace municipal E-Ponte.com.

As inscricións para participar nestes talleres de dúas horas poderán realizarse a través da páxina web ‘www.apegalicia.gal’ ou enviando un whatsapp ao número 697 195 540. Segundo sinala a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “o primeiro dos webinar será impartido por Jaime Barreiro, da empresa Cactus Digital, e centrarase en ‘Comercio electrónico: como vender en Internet’, repasando as opcións existentes no mercado para comezar a venda online e facendo especial fincapé no noso marketplace E-Ponte.com”.

O propio Barreiro será o encargado de impartir un curso sobre como aproveitar as ferramentas que ofertan as redes sociais para incrementar o tráfico cara as plataformas de venda online, xa sexan propias ou de terceiros, e outro titulado ‘Automatiza os teus procesos e aforra tempo’, destinado a optimizar a xestión da comunicación cos clientes e provedores mediante a automatización de tarefas.

Baixo a epígrafe ‘Whatsapp márketing. A ferramenta ideal para comunicar e vender’, Alberto Falcón, da firma Be Differential, abordará as posibilidades dunha ferramenta con máis de 1.600 millóns de usuarios activos ao día e coa que practicamente tod@s nos comunicamos en todo momento e dun xeito áxil e inmediato. Tal e como avanza Yoya Blanco, “nesta charla explicarase como sacarlle o máximo partido á túa conta para vender diferentes produtos e servizos e desgranaranse as formidables funcionalidades que ten WhatsApp Business para profesionais e empresas”.

Juan Represa, de Action Coach, protagonizará a xornada formativa ‘Controla o teu fluxo de caixa’, un webinar no que os participantes aprenderán a administrar dunha forma eficiente o fluxo de caixa dos seus negocios para a xestión da tesourería se converta nunha axuda e non nun problema sen solución. “Tamén haberá un taller sobre fotografía e vídeo de produtos, ‘Unha imaxe vale máis que mil palabras’, no que Borja Brun, de Brun Santervás, achegará explicacións e consellos sobre como poñer en valor os nosos servizos e artigos con fotografías e vídeos máis atractivos, de cara a empregalos en redes sociais, páxinas web ou plataformas de comercio electrónico de terceiros”, apunta a concelleira de Promoción Económica.

O ciclo de xornadas de formación pecharase cun webinar sobre ‘Uso de ferramentas para reunións en liña’, no que novamente Jaime Barreiro ensinará o uso, configuración e asistencia de software para a creación e xestión de reunións online en plataformas como Zoom, CiscoWebex, Jitsi ou Skype.

As consultorías personalizadas, entre xuño e xullo

Yoya Blanco subliña que “o servizo de consultoría personalizada orientado a prestar asesoramento e apoio no proceso de adhesión a E-Ponte.com desenvolveranse entre os meses de xuño e xullo, no horario que máis lle convenga a cada un dos inscritos”. “Calquera que teña un negocio no noso concello -lembra a edil do PSOE- pode unirse de xeito gratuíto ao marketplace posto en marcha pola Concellería de Promoción Económica e Turismo. No caso daqueles que xa forman parte do mesmo, este servizo permitiralles recibir asesoramento da man de profesionais especializados para mellorar as súas vendas e imaxe comercial en liña”.

Dado que as consultorías teñen prazas limitadas, será preciso inscribirse previamente para optar a elas (tamén a través do whatsapp 697 195 540 ou da web www.apegalicia.gal).