Os talleres de prevención do machismo e a violencia sexual desenvolvidos por Igualdade xa chegaron a medio milleiro de alumn@s da cidade

25
  • Os obradoiros desenvolvéronse nos colexios de Campañó, Xeve, Campolongo e Lérez, así como no IES Luis Seoane, dirixíndose a alumnado de Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP
  • As formacións, deseñadas e impartidas por Priscila Retamozo e Amara Pérez, levan por título ‘Libres de estereotipos’, ‘Non é non’ e ‘Hackeando ao machismo a golpe de memes, directs e likes’

A Concellería de Igualdade comezou a impartir o pasado 27 de abril unha serie de obradoiros destinados a formar en valores e actitudes de igualdade libres de estereotipos, evitar a violencia de xénero nas redes sociais, identificar as relacións afectivas tóxicas (como fontes de dominio e submisión) e previr as violencias sexuais. Ata a data, os talleres, incluídos dentro da campaña do 8M, desenvolvéronse nos colexios de Campañó, Xeve, Campolongo e Lérez, así como no IES Luis Seoane, chegando a máis de 500 alumn@s.

Unha cifra que, tal e como sinala a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, o seu departamento agarda multiplicar de xeito exponencial nos vindeiros meses, posto que “as estritas medidas anti Covid levaron a moitos centros a pospoñer a súa organización e a maioría dos institutos e colexios comunicáronnos que buscarían ocos para facelos a partir do Día das Letras Galegas”. “A vindeira semana -avanza Blanco- volveremos a contactar coas direccións por teléfono e vía email, xa que as charlas que se desenvolveron saíron realmente ben e esta formación supón unha parte imprescindible da aprendizaxe dos nosos futuros homes e mulleres, sendo un elemento esencial para erradicar o machismo e a violencia sexual e de xénero da nosa sociedade”.

Os obradoiros, deseñados e impartidos polas formadoras especialistas en xénero e coeducación Priscila Retamozo Ramos e Amara Pérez Davila, abordan diferentes temáticas e están plantexados en función das idades do alumnado ao que van dirixidos, impartíndose en centros educativos de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional do concello de Pontevedra. Así, entre as charlas ofertadas pola Concellería de Igualdade inclúese un taller denominado ‘Libres de estereotipos’, para promover a igualdade entre mulleres e homes desde o último ciclo de Primaria; outro titulado ‘Non é non’, de prevención da violencia sexual en Bacharelato e Formación Profesional, e un ca epígrafe ‘Hackeando ao machismo a golpe de memes, directs e likes’, no que se explican os conceptos fundamentais da teoría feminista e se interpela e anima á mocidade a ter unha conciencia crítica, aprendendo a ver como o machismo impregna as súas vidas e se lles alenta a crear contidos que dean conta de realidades máis plurais, diversas e igualitarias.

Segundo apunta Yoya Blanco, os obradoiros permiten abordar obxectivos como “poñer de manifesto os estereotipos de xénero existentes nas relacións e tarefas familiares, no uso da linguaxe ou nos medios de comunicación; formar en valores e actitudes de igualdade que ensinen aos rapaces a compartir dende o respecto, o recoñecemento mutuo, a autonomía e a corresponsabilidade; previr a violencia sexual; contrarrestar as formas, mensaxes e actitudes aprendidas de forma cotiá que abonan o terreo para a relacións de desigualdade e que fomentan actitudes violentas, ou propoñer outros modelos de relación, referentes máis igualitarios e empoderar para entender as redes sociais como ferramentas para o cambio social”.