Voltarán os festivais?, a gran cuestión que pechará as xornadas técnicas de Cabos Soltos

33
  • Repensar o concepto dos grandes festivais de música será o tema que abordarán responsables do Primavera Sound, do WOS Festival e do Resurrection Fest, nunha mesa redonda moderada pola xornalista Teresa Cuíñas
  • Os días 19, 20 e 21, o Pazo da Cultura acollerá as xornadas técnicas nas que se reflexionará sobre a recuperación do sector cultural tras a pandemia, e que xuntarán en Pontevedra a destacados relatores e relatoras tanto do ámbito galego como estatal 

Volverán os grandes festivais de música, tal e como se coñecían antes da pandemia? Sobre esta cuestión reflexionarán representantes de tres festivais de relevancia (Primavera Sound, WOS Festival e Resurrection Fest) na mesa redonda que pecha as xornadas técnicas coas que volve o programa Cabos Soltos. 

A situación dos festivais de medio e gran formato, que asumen cancelacións por segundo ano consecutivo, plantexa unha gran incógnita no plan de reactivación da industria cultural. Partindo deste contexto de incerteza, cuestionarase se as fórmulas ata agora coñecidas volverán ser posibles e se o modelo de consumo que ofertaban era sustentable para o ecosistema cultural. Estas reflexións chegarán da man de Ivone Lesan, booker en Primavera Sound, Iván Arias, director do WOS festival, e Ángel Piñeiro, responsable de Produción de Bring The Noise (Resurrection Fest). Esta mesa redonda terá lugar ás 18h do venres 21 no Pazo da Cultura, e estará moderada pola xornalista pontevedresa Teresa Cuíñas.

Xunto coa volta dos festivais, outra das grandes incógnitas no panorama da música ao vivo é o futuro das salas de concertos. Esta cuestión aboradarase o xoves 20, ás 12h, baixo o epígrafe ‘Alerta! Salas de concertos: emerxencia sociocultural. Neste relatorio, o punto de partida sitúase no papel das salas como factores esenciais no desenvolvemento dos talentos emerxentes e como sostén necesario para o tecido cultural de base. A idea é poñer enriba da mesa iniciativas que xa se están levando a cabo noutros territorios para reactivar a actividade nas salas da man tanto de administracións públicas como de patrocinadores privados. Nesta mesa, que estará moderada por María Nieto da Asociación Galega de Salas de Música, participarán Carmen Zapata, xerente da Asociación de Salas de Concertos de Cataluña, Mar Rojo, programadora da madrileña Sala El Sol, e Marcos Rivas, xerente e programador da Sala Karma.

Tamén haberá un relatorio dedicado á relación dos e das artistas co consumo masivo dixital, coa participación de Sabela Maneiro (Tanxugueiras), Chicho do Funk (Ortiga) e Alberto Mira (Verto), e outro dedicado aos ‘continentes’ que albergan manifestacións culturais na cidade, coa participación de Moisés Digón (O Diaño), Marta González (A Gramola) e Malú Pedrosa (O Pavero). 

Convén lembrar que a volta de Cabos Soltos chega da man das concellarías de Promoción da Cidade e de Dinamización Sociocultural e que está vinculada ao Plan de reactivación económica ‘Supera 21’. Ademais das xornadas técnicas, tamén inclúe un concerto piloto na praza da Ferraría o domingo 23 ás 13h a cargo de Ortiga. Para participar nestas xornadas é preciso inscribirse a través do formulario dispoñible na páxina web cabossoltos.pontevedra.gal

Programa II Xornadas sobre a industria musical

Mércores 19

12h. Relatorio. Pontevedra: O epicentro da cultura a través dos seus continentes

Modera: Belén López. Xornalista do Diario de Pontevedra

Participan: 

  • Moisés Digón. O Diaño
  • Marta González. A Gramola
  • Malú Pedrosa. O Pavero

16h. Obradorio. Ferramentas dixitais ao servizo da autoxestión

Imparte: Diego Parajó. Local de Música de Pontevedra – Xeneme Innovación Social

18h. Relatorio. A exposición do artista na era do consumo masivo dixital

Modera: Santi Montes. Xornalista de culturagalega.gal

Participan: 

  • Sabela Maneiro. Tanxugueiras
  • Chicho do Funk. Ortiga
  • Alberto Mira. Verto 

Xoves 20

12h. Relatorio. Alerta! Salas de concertos: emerxencia sociocultural

Modera: María Nieto. Xerente de Clubtura (Asociación Galega de Salas de Música)

Participan:

  • Carmen Zapata. Xerente de Assac (Asociación de Salas de Concertos de Cataluña) 
  • Mar Rojo. Programadora da Sala El Sol
  • Marcos Rivas. Xerente e programador da Sala Karma.

16h. Obradoiro. Entender (e mellorar) a monetización dixital

Imparte: Miguel Martorell. Director de Altafonte Spain

18h. Relatorio. O papel das institucións nas artes en vivo

Modera: Xiana Arias. Xornalista musical e artista

Participan:

  • Alberto García. Técnico de Cultura do Concello de Boiro
  • Adriana C. Tarela. Xestora Cultural.
  • Xavier Campos. Asesor de Cultura na Deputación da Coruña

Venres 21

12h. Relatorio. Oportunidade ou fake? O empoderamento da cultura dixital

Modera: Tito Lesende. Xornalista musical

Participan:

  • Josiño Carballo. Manager en Ernie Records
  • Xaime Miranda. Realizador audiovisual
  • Migui Cernadas. Terbutalina

16h. Obradorio. A propiedade intelectual na internet

Imparte: Belén Álvarez. Abogada senior en Gabeiras & Asociados

18h. Relatorio. Voltarán os festivais?

Modera: Teresa Cuíñas. Xornalista. TVG

Participan:

  • Ivone Lesan. Booker en Primavera Sound
  • Iván Arias. Director do WOS Festival
  • Ángel Piñeiro. Responsable de produción de Bring The Noise (Resurrection Fest)