A defensa da lingua protagoniza a segunda peza de Tik Tok do programa ‘A memoria das mulleres’

4
  • A tiktoker Leti Da Taberna ironiza sobre tópicos e escusas habituais que se empregan comunmente para rexeitar o uso do idioma galego
  • Esta é a segunda das oito pezas que se publicarán ata final de ano co obxecto de difundir a historia e a traxectoria de destacadas mulleres pontevedresas entre o público máis novo
  • Nesta iniciativa están a colaborar tres coñecidas tiktokers galegas, Laura Franco, Leti da Taberna e María Rúa 

A Concellaría de Memoria Histórica, que xestiona Xaquín Moreda, elixiu o simbolismo do Día das Letras Galegas para publicar o segundo dos vídeos de Tik Tok que se están a realizar este ano no marco do programa ‘A memoria das mulleres’. Nesta ocasión, é a tiktoker Leti Da Taberna a encargada de apelar á retranca e ao humor para defender o uso do idioma propio, ironizando sobre as escusas e os tópicos máis comúns que se soen empregar para rexeitar falar en galego.

Tal e como xa anunciara Xaquín Moreda a finais de abril, a idea desta iniciativa é promover a difusión da loita antifasctista das mulleres así como a traxectoria de destacadas pontevedresas entre o público máis novo e utilizando as plataformas e recursos propios da mocidade actual. Se ben o obxectivo xeral é o de dar a coñecer as figuras femininas máis sobranceiras da historia da cidade, as tiktokers tamén tratan de contextualizalas a través de temas máis amplos e representativos, como é o caso do idioma galego e a celebración do Día das Letras, neste caso aproveitando a historia da escritora  extremeña María Victoria Moreno, que desenvolveu toda a súa obra en galego durante a súa vida en Pontevedra, e que tamén foi homenaxeada nun 17 de maio pola Real Academia Galega.

Convén lembrar que nesta iniciativa están a participar tres coñecidas tiktokers galegas, Laura Franco (@laurafranco111), Leti da Taberna (@letidataberna_) e María Rúa (@pradoura), que ata final de ano publicarán un total de 8 vídeos nas súas contas de Tik Tok. O primeiro vídeo publicárase en abril e tiña como protagonista a Virxinia Pereira e a rúa que o Concello lle dedicou na cidade, vista a través da ollada retranqueira de Laura Franco. No mes de xuño, será María Rúa a encargada de achegar a súa primeira peza sobre algunha das figuras incluídas no programa ‘A memoria das mulleres’.