Adxudicadas as obras de reforma do edificio Centro Sur

10
  • O orzamento de adxudicación ascende a 1.547.129,15 euros e  o proxecto ten un prazo de execución de oito meses 
  • A reforma permitirá destinar dous andares a residencia para persoas con parálise cerebral de Amencer-Aspace, outros dous andares para Amizade-Cogami, e o resto para acoller diferentes asociacións veciñais e entidades sociais

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra vén de aprobar a proposta de adxudicación das obras de reforma do edificio Centro Sur  á empresa Contrucciones Ramírez. A proposta contempla un orzamento de adxudicación de 1.547.129,15 euros e o prazo de execución das obras sitúase en oito meses desde o inicio dos traballos. A empresa adxudicataria inclúe na súa proposta os tres bloques de mellora que se especificaban nos pregos da liticación, e que se refiren ao equipamento e a mobiliario dos espazos comúns e dos espazos destinados a dormitorios na futura residencia para persoas dependentes.

Convén lembrar que a reforma do edificio implica a súa reformulación co obxecto de destinar dous andares a residencia para persoas dependentes con servizos de atención diurna que xestionará Amencer-Aspace, outros dous andares destinaranse a Centro de Día de Amizade-Cogami, e o resto dos espazos acollerán diversas entidades veciñais e sociais como Amigos de Campolongo, Salcedo Sur, IGADI, a Polifónica, ou o Fondo de Cooperación entre outras.

Así, estas obras de reforma implican o reforzo da estrutura do edificio, habilitar accesos diferenciados para os diferentes usos, instalar un ascensor e acondicionar os dous andares destinados á residencia de Amencer-Aspace, que contará con capacidade para 32 prazas (16 prazas por andar).

No inicio do procedemento de licitación destas obras, a concelleira de Contratación, Anabel Gulías, cualificara este proxecto como “un dos máis ambiciosos e cuantiosos dos que temos dentro da Estratexia EDUSI”, afirmando que “é un punto forte durante este mandato porque nos permite dotar de maiores infraestruturas tanto sociais como veciñais á cidade de Pontevedra”. Tamén explicara que o procedemento de contratación incluía os pertinentes permisos sectoriais da Xunta de Galicia relativos tanto á construción do centro como aos requirimentos para desenvolver a actividade. Paralelamente, tamén se iniciou o proceso de concesión demanial para que Amencer-Aspace se faga cargo da actividade e do mantemento da residencia. 

O proxecto de reforma do edificio Centro Sur está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”.