A batea de Leiro volve ao Lérez

12
  • A escultura ‘Saavedra zona de descanso’ de Francisco Leiro quedará colocada, ao longo da xornada de hoxe, no punto do río do que se desprendera durante o inverno   
  • Ademais de substituír a madeira da plataforma, tamén se procedeu a incrementar o número de pezas que a manteñen anclada e o grosor da cadea que a suxeita  

O concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda achegouse esta mañá ata o punto da Illa do Cobo no que se están levando a cabo os traballos para volver colocar no río Lérez a escultura ’Saavedra zona de descanso’ de Francisco Leiro. Esta peza escultórica, coñecida popularmente como a ‘batea de Leiro’, tivera que ser retirada do río tras quedar á deriva coas enchentes do inverno para ser reparada.

Tras pasar un tempo ancorada nun lateral do parque á espera de que o bo tempo permitirse traballar sobre ela, fai aproximadamente dúas semanas fora levada a terra para analizar os danos e proceder á súa reparación. Ademais da substitución da madeira da instalación, tamén se procedeu a cambiar as pezas (e incrementar o seu número) que conforman o morto. Así, das dúas pezas que ata agora mantiñan o conxunto escultórico anclado, pásase a colocar catro cun peso de 2.000 kg cada un. Ademais, tamén se decidiu substituír a cadea que suxeita a escultura ao morto e incrementar o seu grosor.

Os traballos para volver colocar esta peza no río iniciáronse esta mañá a primeira hora e espérase que queden hoxe concluídos. Debido ao peso do conxunto escultórico (8 toneladas) foi necesario utilizar unha grúa de grandes dimensións desde terra e unha barca e buzos desde o río.