A elite do piragüismo regresa a Verducido os días 22 e 23 de maio coa Copa de España de Sprint

100
  • O evento, presentado hoxe por Tino Fernández e Alfredo Bea, reunirá no Complexo David Cal a máis de 700 padexeiros de 80 clubs España que competirán nas distancias de 200 e 500 metros 
  • As probas de velocidade desenvolveranse a partir das 9:00 horas do sábado, en embarcacións de categorías K-1, K-2, C-1, C-2 e Paracanoe, tanto para deportistas Sénior como Xuvenís

Tralo formidable espectáculo do que os afeccionados ao piragüismo puideron desfrutar hai apenas dez días en augas do río Lérez coa celebración do Campionato de España de Maratón, Pontevedra prepárase agora para acoller as probas da Copa de España de Sprint nas distancias de 200 e 500 metros. Máis de 700 padexeiros pertencentes a 80 clubs de toda España competirán nestas probas de velocidade a vindeira fin de semana no Complexo Deportivo David Cal de Verducido, recente sede do torneo da Liga Nacional de Kayak Polo, en embarcacións de categorías K-1, K-2, C-1, C-2 e Paracanoe, tanto Sénior como Xuvenil.

O evento, organizado pola Federación Galega de Piragüismo (FGP) en colaboración co Concello de Pontevedra, a Federación Española e o Consello Superior de Deportes, foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o presidente da FGP, Alfredo Bea. Tal e como salientou Fernández, “pouco a pouco imos recuperando a normalidade deportiva, con prudencia, sentidiño e moita responsabilidade”, tendo a oportunidade de gozar dunha “competición tan atractiva como a II Copa de España de Sprint, que se desenvolverá o sábado 22 e o domingo 23 de maio e que contará unha vez máis cunha moi nutrida presenza galega”.

O edil socialista apuntou que, como preludio destas probas, “nos días anteriores, o xoves e o venres, haberá un control selectivo para os campionatos de Europa e do Mundo xuvenís, o que fai que durante toda esta semana Pontevedra estea chea de padexeiros e padexeiras de todo o Estado”. “O deporte ten tamén esa dimensión de actividade económica e de reactivación -apuntou Fernández- e nestes tempos tan difíciles para todo o mundo, empresarios, hoteleiros ou hostaleiros, poder falar de centos de persoas que veñen á nosa cidade durante catro ou cinco días a facer deporte, pois é sen dúbida unha moi boa noticia”.

Asemade, ao seu xeito de entender, “tamén é unha moi boa nova dende o punto de vista deportivo poder traer aquí aos mellores padexeiros e padexeiras de España, que é tanto como dicir os mellores de Europa e do mundo, xa que boa parte deles son galegos e somos unha potencia mundial en piragüismo”. Segundo subliñou, “telos aquí é unha honra e un xeito de potenciar un deporte estratéxico, cunha tradición secular, para Pontevedra”, polo que agradeceu “a frutífera colaboración coa Federación, que se está a traducir na celebración de probas deste nivel na nosa cidade e que nos sitúa como referente do piragüismo nacional”. 

“Agardamos que esta Copa de España sexa un éxito e que o tempo acompañe e animamos á xente a que suba a ver as probas, con responsabilidade, mantendo as normas de seguridade e respectando as indicacións que se dean por parte da organización. O Pontillón é grande -matizou o concelleiro de Deportes-, pódese ver todo con comodidade e sen incorrer en situacións que ninguén desexa”.

Os dous eventos que quedan da Liga Española, en Pontevedra

Alfredo Bea destacou “a simbiose que existe entre a Federación Galega de Piragüismo e o Concello de Pontevedra para atraer este tipo de eventos deportivos e para axudar aos nosos clubs”, e lembrou que a Liga Española de distancias olímpicas componse de catro eventos nacionais, dos que “xa se celebraron dous, en Sevilla e Asturias, e a boa nova é que os dous que quedan para finalizar esa Liga concorren en Pontevedra: esta Copa de Sprint da vindeira fin de semana e, en agosto, o gran Campionato de España, con máis días de competición”. O presidente da FGP indicou que o control selectivo que se realizará o xoves 20 e o venres 21, tamén no Pontillón do Castro, contará coa participación duns 150 padexeiros españois de idades Sub 23 e Xuvenil “da máxima calidade”, que competirán “para conquerir esas prazas que lles permitan acceder ás competicións europeas e mundiais que pouco a pouco se van abrindo”.

Bea anticipou o éxito dunha Copa de España que ten un importante número de inscricións, superando os 700 padexeiros en distancias olímpicas, e na que estarán “moitos dos deportistas que acaban de obter praza para os Xogos Olímpicos”.