O convenio entre Benestar Animal e Os Palleiros para a xestión do refuxio de cans recibe luz verde da Xunta de Goberno Local

444
  • O Concello de Pontevedra realizará unha achega anual de 35.000 euros para o sostemento do servizo de acollida e adopción de animais domésticos nas instalacións situadas na parroquia de Campañó

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o convenio de colaboración entre o Concello de Pontevedra e a asociación de acollida e adopción de cans Os Palleiros para o desenvolvemento do servizo de coidado e custodia de cans e outros animais domésticos vagabundos e extraviados no refuxio animal situado na parroquia de Campañó. Segundo explicou o concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, “trátase dun convenio cunha vixencia de dous anos, cuxa duración se estenderá ata o 31 de decembro de 2022, polo que o Concello se compromete a achegar a Os Palleiros unha contía de 35.000 euros anuais, dividida en catro pagos trimestrais de 8.750 euros, e a facerse cargo da execución daquelas obras que sexan necesarias para garantir a axeitada utilización das instalacións municipais”.


O acordo de colaboración, no que tamén se contempla a realización de actividades educativas e de sensibilización á cidadanía en materia de protección animal e o desenvolvemento de todas aqueles labores, tarefas e actividades destinadas ao fomento da adopción responsable dos animais aloxados no refuxio, o colectivo Os Palleiros deberá facerse cargo da custodia, alimentación e coidado dos cans, con especial atención aos animais feridos ou maltratados, tanto dos entregados por particulares como dos recollidos polos servizos municipais ou pola propia asociación. Asemade, manterá aos cans máis agresivos, feridos ou enfermos non contaxiosos en departamentos independentes; e illará convintemente aos sospeitosos de padeceren enfermidades infecto-contaxiosas, prestándolles o debido coidado, atención e vixilancia.


Tamén se corresponde a Os Palleiros o sacrificio dos animais, mediante procedementos eutanásicos, baixo a dirección de persoal facultativo competente e conforme ao establecido no artigo 15 da Lei 4/2017, de 3 de outubro, de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia, así como a posta en coñecemento das administracións competentes os feitos que puideran ser constitutivos de infracción administrativa en materia de lexislación protectora dos animais e a recepción e servizo de atención a solicitudes urxentes que se produzan. “En base ao convenio aprobado hoxe, o destino prioritario dos animais domésticos abandonados no centro municipal será a adopción, quedando expresamente prohibida a súa venda, cesión ou doazón, e comprometéndose a asociación a fomentar a adopción e a desenvolver actividades de concienciación e sensibilización a prol do acollemento de cans e contra o maltrato e o abandono animal. Os Palleiros -subliñou Marcos Rey- responderá ademais do axeitado coidado, hixiene e custodia dos animais acollidos no refuxio”.