Pontevedra xa ten o 96,32% dos fondos EDUSI programados

21
  • Dun orzamento total de 12,5 millóns de euros ao abeiro da Estratexia ‘Máis Modelo Urbano Pontevedra’, un total de 12.039.834,83 euros xa constan como operacións programadas na aplicación do Ministerio de Movilidad, Transporte e Axenda Urbana
  • As porcentaxes de xestión dos fondos, sitúan a Pontevedra como “unha das estratexias máis avanzadas en Galiza e dentro do Estado”

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, avanzou esta mañá un balance do estado de execución dos fondos EDUSI coa mirada posta en “ter un bo aval” na xestión deste tipo de fondos de cara a próximas convocatorias. Neste sentido, Anabel Gulías asegurou que as porcentaxes de operacións programadas (96,32%), de gasto adxudicado (60,48%) e de gasto xustificado (41,26%) “nos sitúan como unha das estratexias máis avanzadas en Galiza e tamén dentro do Estado”. Afirmou, ademais, que “obviamente facemos un balance moi positivo porque cremos que esta xestión nos deixa en moi bo lugar para unha hipotética solicitude de fondos dentro do marco da recuperación, en canto se definan un pouco máis os procedementos a seguir para a súa adxudicación, e tamén de cara o próximo período EDUSI no que o Concello de Pontevedra pretende seguir tendo un papel activo”.

Anabel Gulías lembrou que a Estatexia ‘Máis Modelo Urbano Pontevedra’ foran aprobada na primeira rolda de cidades cun orzamento total de 12.500.000 euros, e na que se incluían 20 liñas de actuación. 

Dese total, neste momento 12.039.834,83 euros constan no Ministerio de Movilidad, Transporte e Axenda Urbana como operacións programadas, o que se corresponde co 96,32% do orzamento. Anabel Gulías explicou que se consideran operacións programadas aquelas que xa están incluídas na aplicación do Estado e con solicitude para verificar a súa elixibilidade no marco da Estratexia EDUSI. 

En canto ao gasto adxudicado, sitúase en 7.560.354,75 euros, o que supón o 60,48% do orzamento total. Isto quere dicir que este orzamento xa está comprometido ou adxudicado en proxectos que xa iniciaron a súa tramitación administrativa no Concello. Inclúense proxectos en diferentes fases administrativas, desde a reforma do Centro Sur que vén de ser aprobada a proposta de contratación ata as obras do Gorgullón que xa están rematadas.

Por último, o gasto xustificado ascende a 5.156.973,29 euros, isto é, o 41,26% do orzamento total. Neste apartado sitúanse as actuacións xa pagadas e certificadas no Concello e que se remiten ao Ministeriode Movilidad, Transporte e Axenda Urbana para o reintegro dos fondos.

Entre as actuacións incluídas na Estratexia ‘Máis Modelo Urbano Pontevedra’, Anabel Gulías salientou as reformas da ponte do Burgo, do Gorgullón, do edificio Centro Sur, do Mercado Municipal e do Multiusos da Xunqueira, os núcleos de centralidade parroquial de Tomeza e de Marcón, o transporte colectivo a demanda, o ximnasio da Once, ou as perimetrais do Gorgullón.