Recibidas 1.610 solicitudes na liña de axudas para a adquisición de ordenadores do Plan Supera 21

35
  • O prazo de solicitudes pechará mañá, mércores 19 de maio, e   subvenciona a adquisición de equipos informáticos entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de decembro de 2021

Mañá, mércores 19, remata o prazo de solicitudes para a adquisión de ordenadores do Plan Supera 21 e a día de hoxe contabilizáronse xa un total de 1.610 solicitudes. Deu este dato esta mañá a portavoz municipal, Anabel Gulías, quen asegurou que “estamos obviamente moi satisfeitas con esta convocatoria que, salvo sorpresa maiúscula vai esgotar o crétido previsto no Plan Supera”.

A respecto destas axudas, indicou que “agora queda o traballo máis complexo, que será o de ordear a capacidade económica dos solicitantes”. Gulías salientou a boa acollida desta liña de subvencións, a primeira do Plan Supera, e asegurou que espera que a seguinte liña, na que se está traballando, teña a mesma acollida. 

Convén lembrar que o Concello destina unha partida inicial de 400.000 euros para esta liña de axudas, orientada á adquisición de equipamentos informáticos ata un máximo de 400 euros. Os equipos deben ser adquiridos entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de decembro de 2021 e deben ir destinados a alumnado matriculado durante o curso 2020/2021 en educación primaria e educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional básica, formación profesional de grao medio ou educación especial nun centro docente sostido con fondos públicos. Tamén se establece que a unidade familiar debe estar empadroada no Concello de Pontevedra e que o anticipo da axuda será do 100%.