Lores avoga por reducir drasticamente o vehículo privado para acadar cidades máis sostibles

40
  • O alcalde volve insistir en que os criterios para acceder aos fondos Next Generation destinados a mobilidade non deben vincularse só ao uso do vehículo eléctrico senón que deben atender á diminución real de emisións nas cidades
  • O Modelo Pontevedra tamén protagonizou a primeira das xonadas organizadas en Horta Sud para repensar a mobilidade entre os concellos desta comarca valenciana

“A solución é reducir drasticamente o vehículo privado” así de rotundo se pronunciou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante a súa intervención na mesa redonda ‘Moverse en las nuevas ciudades sostenibles’, que tivo lugar esta tarde no Museo Reina Sofía de Madrid. O acalde pontevedrés compartiu mesa con Pedro Saura, secretario de Estado de Transportes, Eduardo Herrero, director de operacións de Correos, Julia López Ventura, representante para Europa do C40, rede de grandes cidades comprometidas co cambio climático e Cani Fernández, presidenta da Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia (CNMC), no marco no foro de debate ‘Los fondos europeos de recuperación: Así va a cambiar España’, organizada por elDiario.es.

Fernández Lores, como xa fixera en anteriores ocasións, asegurou que, tanto como alcalde de Pontevedra como en nome da Rede de Cidades que Camiñan, “os que levamos xa moitos anos facendo zonas de baixas emisións na práctica non estamos dispostos a que agora os criterios para aos fondos Next Generation vaian vinculados ao só ao coche eléctrico, e pensamos que deben incluír medidas que reduzan realmente as emisións”.

O alcalde explicou que Pontevedra antes de reducir o tráfico ao estritamente necesario era “un almacén de coches” e “un botafumeiro de polución” e que foi precisamente restrinxindo o uso do vehículo privado, reducindo a velocidade e gañando espazo público para as persoas como se acadou a diminución efectiva das emisións. Neste eido, aproveitou para citar que, a día de hoxe, Pontevedra cumpre nun 99,9% as directrices da OMS en calidade do aire. Tamén explicou brevemente outros resultados acadados na cidade como son a mellora da accesibilidade, a promoción da autonomía das crianzas grazas á mellora da seguranza viaria, e en xeral “a diminución do dano que lle facemos ao planeta”. 

A aposta por cidades compactas e por unha mobilidade alternativa ao coche particular estivo moi presente en todas as intervencións, que tamén abordaron de xeito bastante extenso o futuro do transporte público en xeral e do tren de cercanías e de alta velocidade. Sobre Pontevedra, o secretario de Estado de Transportes, Pedro Saura salientou a “visión política” asegurando que “a visión é fundamental e os alcaldes e as alcaldesas teñen moito que dicir no ámbito da mobilidade”.

Valencia

Pola súa banda, o concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, e a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, participaron esta mañá na primeira das ‘mesas de reconstrución’ que organiza a Fundació Horta Sud. A xornada tivo lugar en Picanya e estivo orientada a analizar iniciativas que sirvan de exemplo para dar solución aos problemas de mobilidade e de seguridade viaria detectados na comarca valenciana de Horta Sud, formada por 19 concellos e unha pedanía. 

Co obxectivo de cambiar o concepto de mobilidade entre os núcleos de poboación que forman esta comarca, posto que a rede viaria que os comunican soporta unha alta densidade de tráfico e con velocidades elevadas, Eva Vilaverde e César Mosquera expuxeron os factores fundamentais que fan do Modelo Pontevedra unha referencia contrastada en cuestións como a seguridade viaria, a eliminación de tráficos innecesarios e o calmado do tráfico. Tras o relatorio de Pontevedra, tamén interviu Giuseppe Grezzi, concelleiro de Mobilidade do Ayuntamiento de València, para expoñer o exemplo da súa cidade. Durante a súa intervención, Guiseppe Grezzi indicou que en Valencia tamén se fixaron conceptualmente no Modelo Pontevedra para levar a cabo algunhas das intervencións, nomeadamente as orientadas a gañar máis espazo para os peóns e a introducir medidas de redución de velocidade do tráfico rodado. 

Esta mesa redonda é a primeira dunha serie que programan desde a Fundació Horta Sud, a Mancomunitat Horta Sud, a Diputació de València, e distintas asociacións e empresas privadas, co obxecto de acadar unha coordinación entre as diferentes Administracións e de apelar á vontade política dos representantes públicos para avanzar cara un modelo de mobilidade máis sostible e seguro. 

Na xornada tamén participaron Dolors Gimeno, deputada provincial de Mobilidade, e Roser Obrer, directora xeral de Infraestruturas e Mobilidade da Generalitat Valenciana. O público asistente estaba formado fundamentalmente por alcaldes e alcaldesas dos concellos da comarca, técnicos municipais e da mancomunidade, e representantes de asociacións e movementos que traballan a prol da promoción do uso da bicicleta.

MADRID I
VALENCIA I
EVA