O Ganapán levará aos máis pequenos de viaxe por Exipto e Italia esta fin de semana con talleres de elaboración de falafel e ñoquis

24
  • Os obradoiros impulsados pola Concellería de Promoción Económica no Mercado de Abastos tamén permitirán crear uns divertidos ‘frutivasos’ e uns xardíns en miniatura
  • A reserva de praza para as actividades, destinadas a nen@s de 4 a 10 anos, poderá facerse no email oganapan@gmail.com, pechándose ás 16:00 horas do día anterior á súa celebración

O Ganapán, programa de lecer infantil do Mercado de Abastos, regresa a fin de semana do 22 e o 23 de maio cunha oferta na que se convida aos máis pequenos a viaxar por Exipto e Italia a través de talleres de elaboración de dúas deliciosas receitas no seu Espazo Gastro: falafel de garavanzos e ñoquis de pataca. Ademais, a rapazada tamén poderá pasalo en grande no Espazo Crea, deseñando uns divertidos ‘frutivasos’ (posavasos de froitas) e uns xardíns en miniatura.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, promotora da iniciativa, lembra que este programa está dirixido a nenos e nenas de 4 a 10 anos, con sesións ás 11:00 e ás 12:30 horas en ámbalas dúas xornadas. “Para participar nos mesmos -lembra a socialista- será necesario realizar previamente reserva de praza na dirección de correo electrónico oganapan@gmail.com, pechándose as inscricións ás 16:00 horas do día anterior á súa celebración”.

Tal e como explica, para a xornada do sábado 22 está previsto un taller que “fará voar as papilas gustativas dos nenos ata Exipto, nunha exótica expedición culinaria baseada nunha receita vegana de garavanzos, como é a do tradicional falafel”. Ese mesmo día, avanza Yoya Blanco, “desenvolverase un obradoiro no que, cun chisco de paciencia e un aquel de maña, os pequenos crearán uns ‘frutivasos’, posavasos de froitas para encher de cor as mesmas das súas casas e, de paso, evitar que se emporquen”.

Segundo sinala a concelleira do PSOE, o domingo 23 de maio o programa de O Ganapán regresa cunha nova comida do mundo, “neste caso cunha receita ‘molto facile e divertente’ que terá a pataca como ingrediente principal e tan italiana como esas saborosas boliñas chamadas ñoquis”. “Asemade -engade Blanco-, dado que este ano de pandemia todos quixemos ter un anaquiño verde na nosa casa, para o Espazo Crea decidimos organizar un taller de creación dun mini xardín para poder desfrutar del todo o ano”.