Pontevedra será unha das dez cidades embaixadoras da carreira virtual Ponle Freno 2021

56
  • O evento, impulsado por Atresmedia e a Fundación AXA, celebrarase de xeito sincronizado en toda España nas modalidades de 5 e 10 quilómetros durante a fin de semana do 19 e 20 de xuño
  • Tino Fernández anima aos pontevedreses a participar a través da App PFV “para axudar a bater o récord de 35.000 deportistas de 2020, nunha proba na que se corre para salvar vidas”

Tras bater en 2020, na súa primeira edición virtual, o récord de participación da proba, con máis de 35.000 corredores, a carreira solidaria Ponle Freno regresa en 2021 no mesmo formato e con dez cidades embaixadoras, entre as que se atopa un ano máis Pontevedra. O evento, impulsado por Atresmedia en colaboración coa Fundación AXA como socio estratéxico e a Red de Talleres CGA como patrocinador oficial, desenvolverase de xeito sincronizado en toda España a través da App PFV na fin de semana do 19 e 20 de maio, nas modalidades de 5 e 10 quilómetros.

Tal e como explica o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “tódalas canles de Atresmedia e os seus perfís oficiais de redes sociais emiten desde esta semana un spot para animar aos cidadáns a sumarse á iniciativa, cuxas inscricións xa están abertas na plataforma carrerasponlefreno.com. “A carreira contará este ano con dez sedes: as sete que xa formaban parte co circuíto na modalidade presencial antes de que se tiveran que interromper as carreiras por mor do coronavirus (ademais de Pontevedra, Madrid, Badalona, Vitoria, Zaragoza, Málaga e Las Palmas) e Santander, Valencia e Sevilla. Este ano, como novidade e coa finalidade de estar máis preto dos corredores e de que a pegada de Ponle Freno se sinta a pé de rúa, estas dez cidades verán unha forte presenza do evento nos seus espazos públicos, a través de cartelería e coa inauguración de varios tótems informativos en emprazamentos principais, no caso da nosa cidade, na Praza de España”, avanza o edil socialista.

Fernández indica que “para participar na carreira virtual de 2021 contarase novamente coa aplicación específica Ponle Freno Virtual (App PFV), que permitirá a xeolocalización e sincronización de tódolos participantes”. A proba levarase a cabo en dous días, desde as 6:00 horas do sábado 19 de xuño ata as 23:00 horas do domingo 20, período durante o cal o usuario debe completar a distancia seleccionada (5 ou 10 quilómetros) e, mediante a App previamente descargada no seu móbil, subir o resultado co que se compite (o móbil será o chip de cada participante).

Camisetas e unhas zapatillas personalizadas da marca Health

Xunto a estas accións, tamén se publicarán en carrerasponlefreno.com circuítos recomendados nas distintas cidades para competir nos días da cita e, grazas á colaboración da firma especializada en running Health (avalada pola Asociación Internacional de Maratóns e Carreiras de Distancia), lanzarase unha edición especial e personalizada das zapatillas Ponle Freno. Este deseño exclusivo, que conta co logotipo de Ponle Freno serigrafado, poderase adquirir vía prevenda durante o proceso de inscrición a un prezo especial de 39 euros por participar na carreira, realizándose as entregas a partir de agosto.

Segundo salienta Tino Fernández, “a equipación das Ponle Freno é algo que distinguiu ano tras ano aos participantes nas súas carreiras, que converteron estas citas nunha auténtica marea en favor da maior plataforma de acción social pola seguridade vial”. “Ademais das zapatillas exclusivas -engade o tenente de alcalde- tamén haberá unha edición especial de camisetas para os 5.000 primeiros inscritos”.

Unha vez máis, Ponle Freno quere converterse nunha carreira inclusiva, que convide a todo o mundo a participar, contando con modalidades masculina, feminina e handbike, así como Júnior (tamén en categorías feminina e masculina, pero neste último caso unicamente con percorrido de 5 quilómetros). As clasificacións estarán dispoñibles na web oficial a partir do luns 21 de xuño.

Tino Fernández anima aos pontevedreses a participar “para axudar a bater o récord de 35.000 corredores de 2020, nunha proba que mantén intacta a súa finalidade: a recadación das inscricións irá destinada integramente a un proxecto en apoio ás vítimas de accidentes de tráfico, seguindo a filosofía coa que naceu a iniciativa de Atresmedia de traspasar as pantallas e as ondas para crear un impacto directo na sociedade”. “Aquí, correr, salva vidas. Neste caso, os fondos acadados serán para o Hospital Nacional de Parapléxicos de Toledo, centro de referencia no tratamento integral das lesións medulares”, asegura o concelleiro de Deportes de Pontevedra.

Ponle Freno, a primeira das grandes accións de responsabilidade corporativa do Grupo Atresmedia, naceu en 2008 e supuxo a pedra inaugural co Compromiso Atresmedia, do que tamén forman parte ‘Constantes y Vitales’, ‘Objetivo Bienestar’, ‘Hazte Eco’, ‘Contra el maltrato, Tolerancia Cero’, ‘Crea Cultura’ e ‘Levanta la cabeza’, así como os proxectos da Fundación Atresmedia, o voluntariado corporativo e as campañas sociais emprendidas polo grupo.