A Aula de Informática da Casa Azul ofrece sete cursos orientados a usuarios de Benestar Social e persoas en paro entre os meses de xuño e agosto

217
  • As inscricións para participar nestas formacións, entre as que se inclúen cursos de Windows 10 e LibreOffice, pódense realizar nos correos jlorenzo@pontevedra.eu e aulaud@gmail.com 
  • Marcos Rey explica que os cursos comezarán o 7 de xuño e que tamén haberá talleres de ‘Internet dende 0’ e e-administración, este último para persoas con diversidade sensorial

A Aula de Informática da Casa Azul  (rúa Sor Lucía, 2, 1º andar) desenvolverá entre os meses de xuño e agosto sete cursos destinados á veciñanza empadroada no concello de Pontevedra, para os que terán preferencia os usuarios dos servizos da Concellería de Benestar Social e as persoas desempregadas. Entre as actividades formativas, que darán comezo o 7 de xuño, inclúense talleres de Windows 10, LibreOffice (Writer, Calc e Impress), ‘Internet dende 0’ e Xuventude-OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil).

Na oferta do espazo situado na Sala Rons da Casa Azul tamén se contempla unha xornada de aula aberta para uso libre dos equipos informáticos (os venres, de 9:00 a 11:00 horas de de 11:30 e 13:30 horas) e un horario de asistencia e apoio para a realización de trámites electrónicos: luns, martes, mércores e xoves, de 8:30 a 9:15 horas e de 13:30 a 14:15 horas. Tal e como explica o concelleiro socialista Marcos Rey, “as inscricións para as actividades formativas, que impartirá Jesús Lorenzo Ron, monitor de Informática da Área de Benestar Social do Concello, poderán realizarse a través das direccións de correo electrónico jlorenzo@pontevedra.eu e aulaud@gmail.com ou ben directamente na Aula de Informática, de luns a venres entre as 9:00 e as 13:30 horas”.

“Aínda que están abertas á veciñanza en xeral -aclara o edil do PSOE-, teñen preferencia á hora de apuntarse os usuarios dos Servizos Sociais Municipais e a persoas en paro. Asemade, impartirase un curso centrado en e-administración, que está especialmente destinado a veciños con diversidade sensorial”.

A programación prevista na Aula de Informática, que conta con 18 ordenadores, é a seguinte:

– Aula Aberta: uso libre dos ordenadores da Aula. Venres de 09:00 a 11:00 horas e de 11:30 a 13:30 horas. Para a veciñanza do concello.

– E-administración: luns e mércores, de 09:30 a 11:00 horas. Para a veciñanza do concello con diversidade sensorial. Comezará o 7 de xuño e finalizará o 30 de xuño, cunha duración de 12 horas.

– Windows 10: martes e xoves, de 9:30 a 11:00 horas. Para a veciñanza do concello sen coñecementos básicos de informática. Comezará o 8 de xuño e finalizará o 1 de xullo, cunha duración de 10 horas.

– Libre Office Writer: martes, mércores e xoves, de 12:00 a 13:30 horas. Para a veciñanza do concello con coñecementos básicos de informática. Comezará o 8 de xuño e finalizará o 1 de xullo, cunha duración de 16,5 horas.

– Libre Office Calc: luns e mércores, de 09:30 a 11:00 horas. Para a veciñanza do concello con coñecementos básicos de informática. Comezará o 5 de xullo e finalizará o 28 de xullo, cunha duración de 12 horas.

– Internet dende 0: martes e xoves, de 09:30 a 11:00 horas. Para a veciñanza do concello con coñecementos básicos de informática. Comezará o 6 de xullo e finalizará o 5 de agosto, cunha duración de 15 horas.

– Cursos de Xuventude (OMIX): martes, mércores e xoves, de 12:00 a 13:30 horas. Para a mocidade do concello con coñecementos básicos de informática. Comezará o 6 de xullo e finalizará o 28 de agosto.

– Libre Office Impress: martes, mércores e xoves, de 9:30 a 11:00 horas. Para a veciñanza do concello con coñecementos básicos de informática. Comezará o 10 de agosto e finalizará o 26 de agosto, cunha duración de 13,5 horas.

– Trámites Electrónicos: luns, martes, mércores e xoves, de 8:30 a 9:15 horas e de 13:30 a 14:15 horas. Para a veciñanza do concello.