Promoción Económica abre o prazo para inscribirse no curso Limpeza en Aloxamentos Turísticos que impartirá Ara Formación

120
  • A actividade formativa será gratuíta e presencial, terá unha duración de 90 horas (50 teóricas e 40 de prácticas en empresa) e desenvolverase entre os días 8 e 21 de xuño
  • A concelleira socialista Yoya Blanco lembra que, ao igual que nos cursos de Operador de Carretillas Elevadoras e de Limpeza Hospitalaria, daráselle prioridade ás persoas desempregadas

Trala boa acollida do obradoiro de Operador de Carretillas Elevadoras e o recente inicio do de Limpeza Hospitalaria, a Concellería de Promoción Económica e Turismo acaba de abrir o prazo de inscrición para unha nova actividade formativa gratuíta centrada en Limpeza de Aloxamentos Turísticos – Camareiro/a de Pisos. O taller será impartido por Ara Formación, terá carácter presencial, unha duración de 90 horas (50 teóricas e 40 de prácticas en empresa) e desenvolverase entre os días 8 e 21 de xuño: a teoría, de luns a venres de 9:30 a 13:00 horas, e a práctica, de 5 horas diarias, en horarios de mañá e tarde, tendo en conta a dispoñibilidade.

Segundo precisa a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “as inscricións no curso, que ao igual que os anteriores están destinados prioritariamente a persoas desempregadas empadroadas no concello de Pontevedra, deberán realizarse a través da dirección de correo electrónico administracion@proxectoiles.es, indicando no asunto ‘Ref: Limpeza Aloxamentos Turísticos’ e proporcionando a seguinte información: nome e apelidos, NIF, dirección postal, teléfono, email e antigüidade como desempregados”. 

Entre os contidos que se tratarán neste obradoiro inclúense as técnicas básicas de limpeza; as normas de seguridade, hixiene e saúde; a limpeza de mobiliario interior; o arranxo de habitacións e zonas comúns de aloxamentos; o aprovisionamento e organización do office; a organización dos produtos no carro; as operacións de desmontaxe e ventilación previas á limpeza; os protocolos de custodia e devolución dos obxectos esquecidos; a atención ao cliente na limpeza de pisos; o mantemento de habitacións e baños, e algunhas nocións básicas de trato ao cliente para hostalería en lingua inglesa.

Yoya Blanco avanza que “o éxito do curso de Operador de Carretillas Elevadoras, no que participaron 14 alumnos, levará á Concellería de Promoción Económica a impulsar novas edicións do mesmo, algo que tamén está previsto no caso do de Limpeza Hospitalaria, que está a impartirse desde principios desta semana”. Este último consta tamén de 90 horas de duración (50 teóricas e 40 de prácticas en empresa), abordando cuestións relativas á limpeza xeral; os sistemas de limpeza de mobiliario, servizos, paredes, habitacións, cristais…; os principais produtos químicos empregados e as medidas de seguridade e hixiene a ter en conta na súa manipulación; a limpeza das diferentes zonas dun hospital; a infección nosocomial (ou intrahospitalaria) e a súa prevención; os principios fundamentais da limpeza hospitalaria; a relación cos pacientes; os sistemas de desinfección hospitalaria; a recollida e eliminación dos residuos sanitarios; a lexislación sobre residuos sanitarios; o listado de enfermidades infecciosas, ou a prevención de riscos laborais na limpeza hospitalaria.