Comeza o estudo de campo do Plan de mobilidade do transporte a demanda

43

Faranse enquisas a pé de rúa en estacionamentos de bordo, puntos tractores da mobilidade, enquisas telefónicas a 1.000 residentes no rural e colocaranse aforadores de vehículos en 27 puntos distintos da cidade.

A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

O Concello de Pontevedra iniciará na primeira quincena do mes de xuño o traballo de campo do plan de mobilidade que rexerá a futura posta en marcha do transporte a demanda do concello. O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez explicou esta mañá que estes traballos prolongaranse durante un mes, aproximadamente, e serán enquisas a pé de rúa e tamén por teléfono.

O concelleiro solicitou a colaboración cidadá xa que a participación dos veciños e veciñas de Pontevedra é fundamental para que este futuro servizo de transporte funcione en boas condicións. 

Unha parte do traballo de campo será realizar un inventario de ocupación de estacionamentos de bordo. Ao longo dun día, a UTE MCRIT S.L. Seteoitavas Sociedade Cooperativa Galega, adxudicataria do estudo de explotación do transporte a demanda, mirará as matrículas dos vehículos alí estacionados.

Tamén se fará un aforamento da cidade, vendo os vehículos que circulan pola cidade. Fixaranse 27 puntos de aforo: 17 automáticos e outros 10 funcionarán durante dous días. Esta acción completarase con 500 enquisas entre condutores que van circulando. Os técnicos da empresa adxudicataria do estudo estarán acompañados pola Policía Local e preguntaranlles polo destino/orixe da viaxe, o motivo, os medios de transporte…

O estudo tamén inclúe realizar 1.000 enquisas telefónicas a persoas que viven nas parroquias. Trátase do traballo máis complexo e permitirá coñecer o parecer do 5% dos habitantes das parroquias (arredor do 20% das vivendas do rural). As preguntas serán as mesmas: motivo das viaxes, horarios, medios de desprazamento…

Finalmente tamén se farán enquisas en puntos “tractores” da mobilidade que serán o centro de saúde de Lérez, o centro de saúde da Parda, a Casa do Mar, o Concello, a estación de autobuses e a sede administrativa da Xunta en Campolongo. O cuestionario será similar aos anteriores: destino/orixe da viaxe, motivos, medios de transporte…

O concelleiro Demetrio Gómez explicou que non se pedirán datos persoais, agás o xénero, a idade ou os niveis de ingresos das familias para poder categorizar as poboacións.

Reiterou o responsable de mobilidade do Concello, a necesidade da colaboración dos veciños e veciñas de Pontevedra para que o estudo de mobilidade sexa o máis real posible e permite axustar o transporte a demanda ás necesidades de Pontevedra.

Fondos FEDER

Os estudos e as aplicacións dixitais do transporte a demanda están sendo desenvolvidas ao amparo da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) Máis modelo, Pontevedra, financiada polo Programa operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020.

O estudo e proposta de explotación do transporte a demanda foi adxudicada á UTE MCRIT S.L – Seteoitavas Sociedade Cooperativa Galega por 76.683,75 euros, e cunhas melloras de 37.500 euros.