Lores e Clos conversan en Barcelona sobre Pontevedra, un modelo “a contracorrente”

19

O alcalde de Pontevedra participou na plataforma The Urban Agora que lidera o exalcalde e exdirector da ONU Habitat de Barcelona que ten por obxectivo acadar cidades máis inclusivas e sostibles.

Lores abordou as características do modelo guiado na conversa polas preguntas de Joan Clos, que recomendou aos seguidores do webminar “unha especial atención ao modelo de Pontevedra” do que se seguirá falando.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores participou esta tarde no foro The Urban Agora unha plataforma sen ánimo de lucro, liderada polo exalcalde de Barcelona e exdirector executivo de ONU-Habitat, Joan Clos, para conversar sobre “un dos temas máis admirables en materia de urbanismo: a transformación urbana que se ten dado na cidade galega de Pontevedra nos últimos anos. O obxectivo? Camiñar cara a sustentabilidade”.

Nesta conversa de case hora e media entre “dous alcaldes, dous médicos, dous amigos” tal e como foron presentados pola empresa de comunicación Atrevia, esponsor do evento, falouse do modelo de Pontevedra dende o punto de vista práctico. Velocidades 30 km/h das cales Pontevedra foi pioneira en todo o Estado, zonas de estacionamento de 15 minutos, pasos sobreelevados, plataformas únicas, incremento da poboación, do comercio local… foron obxecto de explicación por parte de Fernández Lores, pero tamén se abordaron novos retos de futuro como a compostaxe e o tratamento dos residuos municipais.

Lores destacou que cría na política en maiúsculas. “A política está para cambiar as cousas”, indicou e resaltou que iso supón “a confianza en que somos capaces de facelo, o que sube moito a autoestima, porque non somos mellores que ninguén, pero tampouco peores”.

Joan Clos explicou que Pontevedra era “un exemplo feito a contracorrente” e unha nova forma de “urbanismo que pode funcionar e funcionar mellor que o tradicional”. Destacou que as reformas urbanas implantadas na cidade supoñen un custe económico importante para as arcas municipais de Pontevedra, que é un dos concellos do Estado que maior porcentaxe destina a investimento, arredor do 16%, cando a media dos concellos españois é de 8 ao 10%.

Quixo despedir ao alcalde de Pontevedra asegurando que “a experiencia de Pontevedra é única e recoméndovos unha atención especial. Tense falado moito do caso de Pontevedra pero aínda se falará moito máis de el”.

The Urban Agora

A Plataforma The Urban Agora pretende xerar sinerxías e sumar esforzos entre todos os actores públicos e privados que traballen no desenvolvemento urbano sostible no marco da nova Axenda Urbana e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas e acadar cidades máis inclusivas, seguras, resilientes e sostibles.

O encontro co Concello de Pontevedra foi o segundo que programa The Urban Agora, tras o mantido con María Buhigas, urbanista e arquitecta, e Mark Nieuwenhuijsen, investigador do IS Global e presidente da Sociedade Internacional de Epidemioloxía Ambiental, que falaron sobre a transformación das cidades despois da pandemia.