O Concello recibe 1.944 solicitudes para as axudas á compra de ordenadores

199
  • O departamento de Promoción da Cidade, Réxime Interior e Contratación revisará nos vindeiros días as solicitudes que chegaron para comprobar que se axustan ás bases e facer requirimentos de subsanación de erros

O Concello de Pontevedra recibiu un total de 1.944 solicitudes para a liña de axudas á compra de ordenadores do Plan Supera 21, tras pecharse o prazo o pasado mércores. Neste momento, o departamento de Promoción da Cidade, Réxime Interior e Contratación, que xestiona Anabel Gulías, xa se está ocupando de revisar todas a solicitudes que chegaron para desbotar as que se presentaron por duplicado, comprobar que se se axustan ou non ás bases e revisar que toda a documentación requirida está correcta e, en caso de que non sexa así, trasladar os pertinentes requirimentos de subsanación de erros. 

Convén lembrar que a liña de axudas destinada á adquisición de ordenadores abrira o prazo de solicitude o pasado 20 de abril e que está dotada cunha partida inicial de 400.000 euros. Cada solicitude pode incluír ata un total de 5 ordenadores (cunha contía máxima de 400 euros por cada equipo e un máximo de 2.000 euros por unidade familiar) polo que o número total de equipos informáticos subvencionados coñecerase unha vez sexan revisados todos os expedientes.

Esta liña é a primeira que o Concello pon en marcha no marco do Plan de Reactivación Económica Supera 21 e contou cunha importante acollida por parte das familias pontevedresas, tanto en número de solicitudes como en consultas previas antes da publicación das bases. 

Estas axudas están destinadas a corrixir o acceso desigual aos equipos informáticos necesarios para o desenvolvemento do curso escolar do alumnado e garantir o acceso de todas as familias, nomeadamente daquelas de especial consideración, ás novas tecnoloxías.

Así, as bases contemplaban axuda para a compra de equipos informáticos adquiridos entre o 14 de marzo de 2020 e o 31 de decembro de 2021 e destinados a alumnado matriculado durante o curso 2020/2021 en educación primaria e educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional básica, formación profesional de grao medio ou educación especial nun centro docente sostido con fondos públicos. Tamén se establecía que a unidade familiar debe estar empadroada no Concello de Pontevedra e que o anticipo da axuda será do 100%.