A web municipal publica mañá o borrador das bases do concurso da nova imaxe corporativa do Concello

249

Nuns días sairán publicadas no Taboleiro de Anuncios e no Perfil do Contratante da sede electrónica do Concello, momento en que os profesionais disporán de 10 días para presentar o seu portfolio.

A imaxe corporativa deberá recoller a evolución da cidade dos últimos 20 anos. 

A páxina web do Concello de Pontevedra pontevedra.gal publicará mañá o borrador das bases do concurso de deseño convocado pola Concellaría de Promoción da Cidade e de Réxime Interior para renovar a imaxe coporativa do Concello. As bases sairán publicadas nestes días no Taboleiro de anuncios electrónico do Concello e no Perfil do Contratante da sede electrónica (sede.pontevedra.gal) momento en que se abrirá un prazo de 10 días hábiles para que todos os profesionais que queiran participar poidan presentar o seu portfolio.

O Concello leva atendido a moitos profesionais que nas últimas semanas se puxeron en contacto coa Alcaldía interesados en coñecer os pormenores deste concurso. Por este motivo, a Concellaría fai público o borrador definitivo das bases para que se poida ir consultando e logo de ter incluído as achegas realizadas pola Asociación Galega de Deseño.

Como recolle o borrador, o portfolio profesional non debe incluír traballos relacionados co Concello de Pontevedra posto que se trata de promover o anonimato durante o procedemento. Deberá presentarse no Rexistro electrónico, a través do procedemento electrónico número 1218 denominado “Solicitude de participación na chamada a proxecto: nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra” por parte de calquera persoa interesada, física ou xurídica 

A segunda fase consistirá en seleccionar 4 empresas ás que se lles cursará convite para que presenten as súas propostas de imagotipo coa correspondente memoria e definición da imaxe en diferentes soportes e aplicacións. 

Nesta fase, as 4 empresas participantes serán compensadas con 950 euros para gastos na elaboración das propostas, e a adxudicataria final subscribirá un contrato por un importe de 12.000 euros para desenvolver a imaxe corporativa definitiva. 

O xurado que participará na selección está formado por persoal municipal que inclúe dúas técnicas do departamento de Comunicación, o xefe da OTA, unha técnica de Secretaría, a propia concelleira de Réxime Interior e Contratación e dúas persoas designadas para o efecto pola Asociación Galega de Deseño.

Tamén se nomeará un comité de expertos cuxa composición se fará pública en canto se active o proceso.

Unha imaxe á medida da Pontevedra contemporánea 

A evolución de Pontevedra nos últimos anos debe de estar reflectida na nova imaxe do Concello, segundo resumiu a concelleira Anabel Gulías. “A proxección internacional e o feito de termos sido referenciais nunha serie de debates que seguen producindo pero que nós adiantamos, e é un feito que fai sentirnos moi orgullosas no traballo feito ata o momento”, explicou. Tamén definiu Pontevedra como “unha cidade nova, do futuro, viva, creativa, dinámica” e como exemplo disto citou “as máis de 1.000 actividades que organizamos neste Concello nos espazos públicos, algunhas delas, como o Salón do Libro, que son premiadas e referencia en ámbitos culturais e nomeadas e postas como exemplo por outras cidades máis grandes”. 

Tamén destaca que “Pontevedra é unha cidade comprometida coa loita contra o cambio climático, co coidado do planeta e o coidado medio ambiental na cidade” a través de iniciativas como “a compostaxe, os parques forestais, o coidado dos espazos públicos, o coidado do ciclo da auga, a economía circular e en definitiva, a Pontevedra do Efecto PO2”. 

Ademais da Pontevedra actual, a nova imaxe corporativa tamén debe representar, en palabras de Gulías “a todas e todos os pontevedreses” polo que “o obxectivo é que o novo imagotipo sexa tanto para un veciño de Michelena como de Pintos, para un veciño de Monte Porreiro ou de Mollavao”.

A actual imaxe corporativa é unha adaptación do escudo oficial de Pontevedra (cuxos elementos están definidos oficialmente no DOG do 11 de xaneiro de 2002) e que na altura do 2021 “é necesario retocar a imaxe coa que vimos traballando estes anos e que tantas alegrías nos deu, porque está claro que veñen tempos novos e que o Concello está mirando cara o futuro”, conclúe a concelleira.