O Concello apela á responsabilidade ante os desperfectos nos parques forestais da Tomba e da Fracha

61
  • Na Tomba foron destrozados paneis, mobiliario e árbores, e na Fracha apareceron pintadas e foron roubados ‘titores’ nas novas plantacións. 
  • Estes actos vandálicos están denunciados e en coñecemento da Policía Local

A portavoz do Goberno municipal, Anabel Gulías, informou que durante a pasada fin de semana se tivo constancia de “ataques” no parque forestal da Tomba, onde apareceu destrozado mobiliario, sinaléctica, un panel informativo e mesmo foron arricadas plantacións. Estes actos vandálicos súmanse aos producidos no parque forestal da Fracha, onde ademais de pintadas tamén se detectou o roubo de ‘titores’ nas novas plantacións (as estacas que se colocan a carón das novas árbores para guialas no seu crecemento).

“Desde o goberno local estamos convecidos de que o 99% dos veciños e das veciñas de Pontevedra manifestan un comportamento exquisito cara aos parques forestais” asegurou  Anabel Gulías, e lamentou que “hai un “1% que se está dedicando a destruír patrimonio municipal e patrimonio que pagamos todos e todas”.

Ante esta situación, indicou que “moi importante apelar á sensibilidade de todos e de todas para manter un dos gran des piares do patrimonio natural do noso concello, ese pulmón verde, en perfecto estado”. Asegurou que desde o Concello xa se está traballando para arranxar os desperfectos e informou que os roubos da Fracha foron denunciados pola empresa concesionaria dos traballos e os da Tomba veñen de ser postos en coñecemento da Polícia Local. 

Anabel Gulías aproveitou tamén para lembrar que “os parques forestais foron un respiro e un alivio neste tempo  de pandemia” e que “tamén é cousa de todas e de todos mantelos en bo estado e estou segura o 99% dos pontevedreses e das pontevedresas estarán na mesma situación de preocupación que nós”.