O Goberno municipal solicita ante a ONU e o Ministerio de Exteriores mediación ante os ataques ao pobo palestino

23
  • Solicita que os organismos internacionais medien para que se respecten os dereitos do pobo palestino, cesen as hostilidades, e se traballe para acadar a paz na zona 

O equipo de goberno acordou esta mañá, na sesión ordinaria da Xunta de Goberno posicionarse ante os ataques que está a sufrir o pobo palestino e solicitar dos organismos internacionais mediación no conflito. 

Así o anunciou a portavoz municipal, Anabel Gulías quen asegurou que “cremos que non podemos permanecer impasibles aos ataques que está sufrindo o pobo palestino” e que “para nós é importante solidarizarnos coa situación que alí se vive porque representamos a vontade popular e debemos posicionarnos sen equidistancias ante os conflitos que acontecen ao noso arredor”.

A comunicación acordada en Xunta de Goberno será trasladada ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea y Cooperación do Estado español e á ONU. O que se solicita na comunicación é que os organismos internacionais medien para que se respecten os dereitos do pobo palestino, que cesen as hostilidades de xeito real, e que se traballe para acadar a paz na zona.