A primeira fase da reforma da praza de Barcelos dará comezo despois do verán

274
  • A primeira fase inclúe a reforma de toda a vía perimetral da praza, o traslado do transformador fóra do recinto do colexio de Barcelos, e o deseño do novo patio escolar. 
  • A actuación na vía perimetral está orzamentada en 1,7 millóns de euros, aos que hai que sumarlle 176.000 euros para o traslado do transformador 

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, anunciou esta mañá que o o seu departamento está traballando na tramitación necesaria para poder iniciar a reforma da praza de Barcelos despois do verán. “Unha vez que onte se aprobou no Pleno do Concello a modificación de crédito que inclúe esta reforma, nos servizos técnicos xa comezamos coa posta en marcha da primeira fase, que se refire a toda a rúa perimetral que está nunhas condicións que precisa que se interveña con certa urxencia” asegurou Demetrio Gómez.

O concelleiro explicou que se actuará en toda a rúa perimetral da praza, desde Perfecto Feijoo ata a rúa do Rouco, cunha intervención que inclúe a remodelación de todo este espazo de acordo cos estándares do modelo urbano de Pontevedra, isto é, dedicando o 70% do espazo para as persoas e o 30% para os vehículos, ademais da renovación de todos os servizos e a substitución do actual pavimento de lastro para resolver dos problemas de accesibilidade que xera. 

Demetrio Gómez indicou que esta actuación está orzamentada en 1.735.000 euros, aos que hai que endadir 176.000 euros que corresponden ao traslado do transforador do colexio. Así, está previsto que paralelamente á actuación na vía perimetral da praza tamén se aborde o traslado do citado transformador fóra do recinto escolar, que quedará soterrado nunha zona da praza fronte ao centro educativo. No relativo ao colexio de Barcelos, Demetrio Gómez tamén informou que se están mantendo xuntanzas coa comunidade escolar (a ANPA e o claustro de profesores e profesoras) pra recoller propostas para a mellora do patio escolar do centro, que tamén se abordará nesta primeira base da actuación. 

Convén lembrar que o proxecto básico para a reforma da praza de Barcelos fóra presentado en xaneiro e que, na súa totalidade, conta cun orzamento que ascende a 5.792.987 euros. A actuación completa está previsto executala en dous anos e, neste momento, os servizos técnicos municipais están traballando no proxecto de execución da primeira fase.

O deseño da vía perimetral está concibido para a favorecer os usos comerciais dos negocios instalados actualmente no perímetro da praza, polo que se redeseñou toda a circulación. Isto supón a ampliación das beirarrúas, sobre todo no borde sur por ser onde se atopan os negocios de hostalería, de cara a propiciar a instalación de terrazas. En canto aos aparcadoiros de servizos, quedarán colocados na beirarrúa oposta á que linda co negocio para interferir o menos posible na súa actividade. En canto ao tráfico, manterase un único carril con entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e saída cara a rúa Cobián Roffignac. Manteranse as actuais entradas e saídas do parking soterrado e desaparecerá a circulación desde a rúa Benito Corbal cara a rúa San Antoniño.