Iván Puentes prosegue a ‘guerra’ contra os coches abandonados con 16 novos expedientes e xa alcanza 64 requirimentos de retirada neste ano

24
  • O concelleiro lembra que a Lei de Residuos Sólidos Urbanos prevé sancións de entre 603 e 31.000 euros e a liquidación das taxas devengadas polo transporte e depósito dos vehículos
  • Os titulares dos coches dispoñen de 15 días para proceder á súa retirada. En caso de non facelo, a empresa autorizada Automociones Catoira procederá á súa retirada e tratamento

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, segue adiante na súa batalla para eliminar os vehículos abandonados nas vías públicas da nosa cidade. O edil socialista asinou ao longo destes últimos dous meses 16 novos requirimentos de retirada de coches, o que sitúa xa en 64 a cifra de expedientes incoados polas policías Local, Nacional e Autonómica e tramitados polo Servizo de Disciplina Urbanística e Medio Ambiente do Concello no que vai de ano.

O edil do PSOE explica que a través destes requirimentos “solicítaselles aos titulares dos vehículos que no improrrogable prazo de 15 días procedan á súa retirada ou entrega nun centro autorizado de tratamento ou instalación de recepción regulado no Real Decreto 20/2017 sobre os vehículos ao final da súa vida útil”. Tal e como lembra Puentes, “tamén se lles advirte de que, pasado este prazo sen dar cumprimento ao requirido, a Administración municipal poderá adoptar as medidas sancionadoras previstas na Lei 10/2008 de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia, que prevé sancións de entre 603 e 31.000 euros para aqueles supostos de infracción grave, procedéndose ademais á retirada do coche polo guindastre, dándolle o correspondente tratamento como residuo sólido urbano e liquidándoselle ao propietario as taxas que se teñan devengadas polo transporte e depósito do vehículo”.

Nesta nova quenda de expedientes, o Servizo de Disciplina Urbanística, Medio Ambiente e Policía Administrativa do Concello de Pontevedra requiriu a retirada dos seguintes vehículos con signos de abandono: un Opel modelo 1.2 no lugar de O Carramal (Salcedo); unha furgoneta Nissan Kubistar e un Opel Vectra 20L na rúa Eduardo Blanco Amor; dous Opel Astra e unha Ford Transit no depósito municipal do guindastre; unha furgoneta Ford Transit no lugar de Os Areais (Mourente); un Renault Clio na rúa Luxemburgo (fronte ao portal do instituto de Monte Porreiro); un Honda CRV4AT na avenida de Marín; un Peugeot 206 na rúa Padre Fernando Olmedo; un Volkswagen Polo na rúa Alemaña (Monte Porreiro); un Nissan Almera na rúa Amado Carballo (nun estacionamento interior); un Renault Megane nunha parcela industrial; un Peugeot 406 na rúa Forcarei; un Citroën C2 na rúa José Malvar (a escasos metros da rúa da Sequiña); una Renault Kangoo na rúa da Parda, e un Fiat Punto na rúa Josefina Arruti. Asemade, unha vez levadas a cabo as xestións pertinentes, a Policía Local puido comprobar que unha motocicleta que leva estacionada varios meses na rúa Martín Códax “non se pode considerar como un vehículo abandonado”. 

Descontaminación, destrución e baixa definitiva na DXT

Unha vez se produza a declaración definitiva dos vehículos como residuos sólidos urbanos, a firma autorizada Automociones Catoira SL poderá proceder á súa retirada e tratamento, expedindo os documentos xustificativos da recepción dos automóbiles, emitindo os correspondentes certificados de descontaminación e destrución e tramitando a baixa definitiva no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico. 

O artigo 106 do texto refundido da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria establece que a Administración competente poderá ordenar o traslado dun vehículo a un centro autorizado de tratamento para a súa destrución e descontaminación cando transcorresen máis de dous meses dende que o coche fose inmobilizado ou retirado da vía pública e depositado e o seu titular non formulase alegacións; cando permaneza estacionado por un período superior a un mes no mesmo lugar e presente desperfectos que fagan imposible o seu desprazamento polos seus propios medios ou lle falten as placas de matrícula, e cando recollido un vehículo como consecuencia de avaría ou accidente deste nun recinto privado, o seu titular non o retirase no prazo de dous meses.